O portavoz de Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, sinalou hoxe que o Plan de Turismo Rural da resulta insuficiente e baleiro de contido. Na comparecencia da directora xeral de Turismo no Parlamento para presentar o dito Plan, instou á Xunta a incorporar unha “estratexia transversal” que teña como pilar fundamental a coordinación entre os diversos actores que participan no desenvolvemento do turismo rural.
O representante socialista advertiu da necesidade de crear unha marca galega propia sobre o turismo rural que “sirva como incentivo para potenciar este sector”. Sinalou a necesidade de “profesionalizar os establecementos dedicados ao turismo rural e crear cursos de formación de cara aos empresarios para poder revitalizar o emprego local e crear novas oportunidades de turismo activo”.
Recalcou a necesidade de profesionalizar o sector xa que “o turismo rural tende a ser unha fonte secundaria de ingresos á que non se lle dedica o tempo nin os recursos necesarios”. Advertiu do necesario investimento para modernizar este sector, pois “as instalacións adoitan ser antigas e unha vez rehabilitadas, reformadas e adaptadas tenden a ser rexentadas por familias que non teñen os ingresos suficientes para fomentalas”.
Sinalou que o turismo rural “é un produto de turismo que ten moitas posibilidades de desenvolvemento e crecemento” e advertiu que diagnosticando de forma correcta a situación actual “poderemos mellorar a baixa ocupación e a pouca rendibilidade económica para poñer freo a alta estacionalidade temporal”. Solucionando estes problemas, lembrou, “poderemos combater o despoboamento, a baixa creación de emprego e revitalizar as economías rurais”.