O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe á Xunta que “escoite” ás dúas ducias de xefes de servizo de Atención Primaria de Vigo que veñen de dimitir en bloque polo deterioro da sanidade provocado polos recortes do goberno galego. O responsable socialista presentou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias nas que esixe un Plan de Mellora de Primaria.
“Non din que hai que escoitar aos profesionais? Pois escoiten aos traballadores de Urxencias do Hospital de Santiago en folga, aos PACs en folga e agora aos xefes de Atención Primaria que dimiten en bloque”. Así se referiu o parlamentario socialista á situación provocada polos profesionais de Vigo, que na súa opinión provoca dúbidas sobre o “limiar da testarudez” do goberno galego, enrocado na súa “política de destrución do sistema sanitario”.
Advertiu que a situación rexistrada en Vigo “pon en entredito a capacidade da Consellería de Sanidade de resolver os problemas xurdidos co profesionais, como xa ocorrera co intento de aplicación da figura do pediatra de área”. Lembrou que a renuncia responde á “denuncia da inacción e ouvidos xordos por parte do goberno galego ás demandas” dos profesionais.
Torrado explicou que “a política de recursos humanos da Consellería de Sanidade está desequilibrando a capacidade asistencial dos centros”, ao negarse a substituír aos profesionais e agrupando servizos e atención nos centros de atención primaria das cabeceiras de comarca. Esta situación provoca “incerteza e inquedanza” na poboación, que “comproba como está perdendo servizos de maneira progresiva”.
Proposta
Os socialistas galegos levan esta situación á Cámara autonómica a través dunha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar un Plan de Mellora de Primaria que contemple un plan de contratación de profesionais que permita ampliar o volume de persoal e evitar o peche de centros e a concentración de servizos, ademais de cubrir as baixas e vacacións do persoal.
Incorporan un programa de reforma de centros de saúde e de construción de novos que permita “ampliar e mellorar a rede de centros en base a un informe de necesidades”, así como unha avaliación de necesidades de recursos materiais en base ás demandas dos xefes de servizo e os traballadores de Atención Primaria.
Finalmente, reivindica que “retomen as xerencias de Atención Primaria e inclúan esta figura na dirección de cada EOXI, dotándoa de autonomía e orzamento para promover a mellora do servizo”.