A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, presentou no Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que consensúe un Acordo Marco para o turismo. A responsable socialista urxe ao goberno galego a poñerse de acordo con concellos, axentes sociais, sindicatos e asociacións empresariais para recuperar o carácter “estratéxico e prioritario” do sector.
A responsable socialista presentará esta iniciativa na primeira reunión da Comisión de Turismo do Parlamento, o próximo xoves, para reclamarlle ao PP que respalde esta iniciativa na busca dun gran acordo que inclúa un plan de choque para “apoiar ás empresas turísticas”.
Gallego quere garantir “un sistema de protección do turismo en cuestións laborais, económicas, sociais e ambientais baseadas na sustentabilidade” e “promover todas as accións necesarias para a recuperación da actividade e garantir a supervivencia das empresas e o mantemento do emprego”.
Advirte de que a Xunta “carece dunha liña de acción potente para a defensa e reactivación do turismo” mentres o Plan de Reactivación aprobado na pandemia dirixido aos sectores da cultura e o turismo “está superado, resulta insuficiente e carece de contido á altura dos retos do sector”. Lembra que só a industria turística representa o 12,3 por cento do PIB galego, e en 2019 xerou 123.000 empregos, e rexistra 314 millóns só en ingresos hoteleiros.
Leticia Gallego sinala que “na situación pandémica actual, o sector turístico foi e está a ser o máis golpeado, con repercusións especiais na hostalería e no transporte, e a súa recuperación será complexa co paso do tempo, pola incidencia tanto na oferta como na demanda” destes servizos.