O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao goberno galego un “plan de choque” para facer fronte á anunciada cascada de xubilacións de médicos e profesionais do Sergas prevista para os próximos cinco anos. Así o dixo logo da alerta lanzada esta fin de semana polos colexios médicos de Galicia.
Apuntou que “non vai haber máis solución que flexibilizar as xubilacións” a curto prazo, xa que ata 2023 haberá un total de 2.332 profesionais que superarán os 65 anos. Sen embargo, advertiu que resulta “máis razoable” incrementar o número de profesionais dispoñibles, polo que propuxo incrementar as prazas de MIR que están a ser formados nos hospitais universitarios de Galicia.
Fernández Leiceaga recolleu ademais o guante lanzado a pasada semana polo xefe de Cardioloxía do Hospital Universitario de Santiago, quen alertou do risco de deixar ás provincias de Lugo e Ourense sen servizo de Hemodinámica 24 horas. O responsable socialista lembrou o compromiso incumprido polo goberno galego de dotar ás provincias do interior deste servizo, que “non pode depender do código postal” dos pacientes.
Ademais, reivindicou que o goberno galego faga público o Rexistro Galego de Infartos Agudos, que deixou de publicar porque “os primeiros datos non acordaron cos seus intereses”. Sinalou que “teñen os datos e os utilizan nas intervencións parlamentarias, pero non queren que sexan públicos”.
O portavoz socialista reclamoulle ademais ao Sergas que “dea marcha atrás” na publicación dun folleto informativo que sitúa ao coitus interruptus como método anticonceptivo. Reclamoulle ao goberno galego que retire o folleto e elabore as súas campañas en base a “métodos realmente eficaces e comprobados científicamente”.
Política Forestal
O responsable socialista urxiu ademais ao PP a desbloquear os traballos da Comisión de Estudo sobre a Política Forestal, que permanece parada logo de que hai dúas semanas rematar a fase de comparecencias. Advertiu que o dito organismo debe rematar canto antes coa aprobación dun informe final co máximo nivel de consenso entre os grupos parlamentarios para que poidan incorporarse as súas proposta á próxima campaña.
Fernández Leiceaga amosou o seu “temor fronte á posibilidade de que utilicen a Comisión para tomar decisións unilaterais” logo de que presentaran a semana pasada o Pladiga facendo caso omiso das opinións dos expertos que circularon polo dito órgano. Aludiu así á situación das franxas de limpeza da maleza nos contornos dos núcleos de poboación ou o debate sobre a situación do eucalipto.
O portavoz socialista reclamou unha solución “equilibrada e razoable” que leve á regulación e control do uso desta especie, útil en termos industriais, pero que debe ser excluída das terras agrarias, non debe substituír ás frondosas, nin ser incluída na rede Natura, espazos públicos ou plantacións subsidiadas. No outro polo, sinalou que “tampouco pode desaparecer” do monte galego pola súa importancia económica.
Os socialistas galegos reclaman ademais a constitución dunha Axencia Galega contra o Lume, que permita centralizar as tarefas de prevención e control dos incendios, cunha cadea de mando única e clara, e “que evite a dispersión de forzas que actúan sobre o monte”.
En definitiva, propuxo incorporar a dimensión territorial á xestión do monte galego, con “diferenzas evidentes entre territorios como a Mariña de Lugo e o rural de Ourense”, reclamou unha “dimensión específica para a rede Natura” a agrupación de propietarios forestais e “cambiar a mentalidade e as formas da administración” para actuar “mellor e sobre máis hectáreas”.