A deputada socialista Noela Blanco quere que sexa a Fiscalía do Estado quen revise a legalidade e imparcialidade das actuacións do fiscal xefe da Audiencia Provincial de Ourense nos últimos dez anos. Na sesión de control ao goberno no Pleno do Parlamento, presentou unha pregunta polo pagamento do alugueiro e os gastos do piso ao fiscal xefe durante máis de dez anos.
Blanco preguntoulle ao conselleiro de Facenda polo pago dunha vivenda de 200 metros cadrados na capital da provincia con cargo aos Orzamentos de tódolos galegos e galegas. A responsable socialista preguntoulle se agardaron a retirar a “subvención” ata seis meses despois de que decidira arquivar a denuncia por acoso sexual contra o presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, no ano 2015, cando o presidente da Xunta gabouse de que o fiscal falara “alto e claro”.
Blanco acusou ao goberno galego de “diferenciar entre os VIPs con capacidade de decisión para beneficiar ao PP e a xente de a pé, que tivo que soportar 1.201 desafiuzamentos no ano 2015, mentres tódolos galegos e galegas lle estabamos a pagar a vivenda ao fiscal.
A responsable socialista lembrou que o fiscal xefe está a desfrutar da vivenda con cargo ás arcas públicas dende que chegou ao cargo, en 2004. Malia que en 2008 o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño decidiu retirarlle esta prebenda ao fiscal ourensán e á presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Feijóo decidiu manter o “privilexio” dende 2009 ata 2016.
Dende aquel ano o goberno galego deixou de pagarlle os 900 euros de alugueiro, provocando unha demanda por impago por parte do propietario do inmoble, malia que manteñen o abono dos gastos de auga e luz.