Critica a “inactividade” da Xunta e de Feijoo, que so sabe “afastarse dos problemas, dicir que non ten competencias e criticar as medidas que si está a poñer en marcha o goberno central”
A portavoz de Infraestruturas e Transporte do Grupo Socialista, Patricia Otero, criticou hoxe o veto do Partido Popular á proposta socialista para pedirlle á Xunta que destine este ano o 50 por cento da recadación dos impostos de hidrocarburos cedida polo Estado a un plan de axudas urxentes para que os sectores económicos máis afectados poidan facer fronte á suba dos prezos dos combustibles.
Patricia Otero lamentou que, con este voto en contra, o PP volva sustentar a política desenvolvida por Feijoo de “afastarse dos problemas, dicir que non ten competencias e criticar ao goberno central”. “Ese é”, incidiu a deputada socialista, “o xeito de gobernar que ten o presidente da Xunta, que incluso hoxe chegou a poñer en cuestión o logro acadado onte por Pedro Sánchez, xunto co goberno portugués, para limitar o prezo do gas e abaratar tamén o recibo da luz”. “Quería ver eu a Rajoy negociando isto en Bruxelas porque este si que ten feito o ridículo na Unión Europea en máis dunha ocasión”, afirmou.
Nesta liña -e tras poñer en valor as medidas que está a activar o goberno central para paliar o impacto da crise nos sectores da pesca, a agricultura, a gandería ou o transporte- Patricia Otero lamentou “a inactividade” da Xunta, con propaganda e anuncios que na gran maioría dos casos aínda non se concretaron. “O único que fixo Feijoo ante a gravísima situación que están atravesar estes sectores foi dicir que o goberno central ‘se forra’ co incremento do prezo da luz e da gasolina”, sinalou.
Porén, Patricia Otero recordou que o 58% dos impostos sobre hidrocarburos recadados polo Estado son cedidos á comunidade autónoma. O mesmo sucede co 100% do recadado sobre o imposto de xeración eléctrica. Neste contexto, a parlamentaria do PSdeG defendeu que “hai marxe de manobra para que con eses cartos se poida axudas aos sectores económicos máis desfavorecidos pola suba do prezo dos combustibles”.
En concreto, a proposta socialista reclamaba que a metade das cantidades transferidas a Galicia por estes conceptos–que chegaría a uns 227 millóns de euros, segundo os datos de 2021- se destinen a esas axudas directas aos sectores máis desfavorecidos fronte á alza do prezo dos combustibles.
“Ten sentido e é de xustiza” proclamou Patricia Otero antes de lembrar que a Xunta ten cartos e competencias e o único que fai falta é algo de vontade para habilitar esta liña de axudas”. Co voto en contra do PP “queda absolutamente claro” que non existe esa vontade.
A INACCIÓN DA XUNTA FRONTE Á CRISE
Na súa intervención no pleno do Parlamento, Patricia Otero lembrou que, cando aínda se está sufrir o impacto da pandemia, a guerra de Ucraína vén de provocar unha alteración económica que se traduce nun incremento dos prezos dos combustibles e das materia primas. “Isto está afectando dun xeito moi forte a sectores estratéxicos para o país como a pesca, a agricultura, a gandería ou o transporte”.
Neste contexto, subliñou que o goberno central si está a habilitar medidas para colaborar cos sectores económicos afectados.
No caso da pesca, por exemplo, recordou que, mentres a Xunta so anunciou unha exención de taxas portuarias que “aínda non está operativa”, o goberno de Pedro Sánchez liderou negociacións en Europa para habilitar axudas excepcionais. Tamén puxo en marcha axudas directas para os buques pesqueiros, exención de taxas portuarias por seis meses, aprazamento de cotizacións á seguridade social ou préstamos ICO, entre outras medidas.
De igual xeito, no sector agrogandeiro, o goberno central conseguiu flexibilizar determinados requisitos da PAC ou para importar millo. A maiores, conseguiu 64,5 millóns de euros do fondo de crise da UE para apoiar a agricultores e gandeiros. Sobre estas, o propio goberno puxo 128 millóns de fondos propios. “Feijoo”, recordou Otero, “pedía daquela que as comunidades autónomas debían poñer a mesma cantidade que o Estado con fondos propios”, pero a día de hoxe “nada de nada”.
Xa no eido do transporte, Patricia Otero lembrou que a Xunta tampouco puxo en marcha ningunha medida. Para máis “o único que fixo foi criticar as medidas activadas polo goberno central”. Nesta liña, Otero tamén sinalou que o PSdeG ten propostas que o goberno galego “non quixo escoitar”, despois de que o secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, lle pedise ata en dúas ocasións unha reunión ao presidente da Xunta para a que “nin sequera houbo resposta”.