A deputada do PSdeG lamenta que o Partido Popular siga a “botar balóns fóra” á hora de reclamarlle á Xunta “unha actitude máis proactiva” para reverter as intencións da OMC e as institucións europeas
A deputada socialista Patricia Otero reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que lidere un posicionamento “claro e contundente” en defensa dos intereses do sector pesqueiro galego co fin de reverter as iniciativas para eliminación das subvencións ao combustible. Otero alertou das graves consecuencias que tería para a actividade da flota galega que saise adiante a proposta da Organización Mundial do Comercio (OMC), así como a intención das autoridades comunitarias de gravar o uso de combustibles fósiles.
Así o expuxo na Comisión de Pesca do Parlamento, onde, con todo, o PP rexeitou unha proposición non de lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta unha “actitude máis proactiva” para facerlle ver ás institucións comunitarias a importancia do sector pesqueiro galego e a defensa dos seus intereses. Con esta actitude, Patricia Otero considera que o PP “segue a botar balóns fóra” a pesar das “negativas repercusións” que tería para o sector.
A parlamentaria socialista advertiu que, sen o combustible bonificado -agora a 45 céntimos o litro- a frota galega “podería ver ameazada a súa viabilidade porque podería custar o dobre”. No caso do gasóleo, o seu custe pode chegar a superar o 40 % dos custes de explotación na pesca. No caso dos arrastreiros pode chegar a un 50 %, e de eliminárense estas exencións, podería pasar a representar o 75 % de ditos custes.
Neste contexto, Patricia Otero sinalou que ao sector e ao propio Ministerio de Pesca preocúpalle que a OMC queira aprobar unha proposta que leva 20 anos negociando e que pretende retirar certas formas de subvención á pesca, como é a bonificación ao gasóleo. Ademais, lembrou que a proposta da OMC vai contra a pesca non regulamentada e ilegal, pero “deixa a porta aberta a que se neguen subvencións a aquelas flotas que, como a galega, realizan a súa actividade de forma sostible”.
A esta situación súmase a proposta das institucións comunitarias para gravar o uso de combustibles fósiles, que incluso pode ter consecuencias “máis importantes e perigosas” para o sector, abrindo “un panorama bastante incerto”. “Se é preocupante a proposta da OMC máis preocupante é aínda esa proposta das institucións comunitarias”, alertou.
Consciente de que esta medida persegue ir cara unha redución do efecto invernadoiro, Patricia Otero defendeu, en calquera caso, que cómpre facelo “dunha maneira ordenada e con compensacións” para os afectados. Neste senso, a deputada socialista fixo un chamamento a “facer valer tamén os criterios socioeconómicos” e analizar polo miúdo o tanto por cento que a actividade pesqueira supón para o total dos índices de contaminación.
En consecuencia, Patricia Otero incidiu en que estamos ante unha cuestión que pode resultar moi lesiva para unha actividade “vital” en Galicia e ante a que xa amosaron a súa preocupación CEPESCA ou a Federación Nacional de Confrarías. Por iso, insistiu en que o goberno da Xunta debería ter “unha actitude máis proactiva” e traballar dentro das súas competencias “para facer ver a súa importancia” do sector. “A Xunta non pode dicir que non é competencia súa e que non pode facer nada”, zanxou.
A deputada do PSdeG confrontou esta actitude coa do Ministerio de Pesca, que está a manter “un posicionamento claro e contundente” e foi quen, xunto con Francia, está a liderar a defensa dos intereses do sector pesqueiro. Seguindo este exemplo, instou á Xunta “a facer lobby entre todo o sector coa axuda das administracións” e sumarse a “unha fronte común” para facer valer os intereses da pesca galega. “Aí”, remarcou, “sempre encontrarán ao PSdeG”.
Ao fío disto, Patricia Otero lembrou que “nós sempre mantivemos o mesmo criterio e o mesmo posicionamento” con respecto a este asunto. Así, indicou que “fomos o primeiro grupo na Cámara que presentou iniciativas neste sentido” e “sempre se votou a favor das iniciativas dos outros grupos parlamentarios”, algo que lamentou que o PP non faga cando se trata de propostas do Grupo Socialista.