Mantén un encontro co alcalde da localidade e a Plataforma do Niveiro en contra do proxecto pendente da declaración ambiental estratéxica do goberno galego
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias anunciou hoxe que presentará unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego toda a información dispoñible do proxecto de vertedoiro previsto no concello de Val do Dubra e pendente de autorización da Xunta. Así o dixo logo dunha visita ao Concello, onde mantivo unha xuntanza co alcalde, o socialista Diego Díaz, e a plataforma medioambiental do Niveiro.
A responsable socialista esixiralle ao goberno galego, de maneira formal e como portavoz de Industria do Grupo Socialista, toda a información relativa a este proxecto de vertedoiro previsto no Val do Dubra e que está en tramitación e pendente da declaración ambiental estratéxica por parte da Xunta.
Iglesias reclámalle ao goberno galego que atenda ás demandas da cidadanía do Val do Dubra e da plataforma, representados pola Corporación Municipal ao completo, que rexeitaron de forma unánime en contra do vertedoiro. Alerta de que a instalación, prevista moi preto de núcleos habitados, afectará a este concello e tamén ao veciño de Trazo, e que non vai supor “nin un só posto de traballo”.
Na xuntanza de hoxe a responsable socialista tamén atendeu ás queixas do alcalde polo desleixo do goberno galego co Servizo de Axuda no Fogar. Explicou que malia que é competencia da Xunta, esta obriga ao Concello a asumir un servizo que está a afogalo financeiramente, xa que absorbe medio millón de euros do orzamento municipal cada ano.