reclámalle ao goberno galego que “escoite á cidadanía” de Val do Dubra e Trazo, en contra deste proxecto prexudicial para o veciños e as explotacións gandeiras e agrícolas
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024. A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, alertou hoxe do risco de constituír “outro Casalonga ou outro Miramontes” co proxecto de converter a antiga mina de Pedra Facha, na parroquia de Niveiro -Val do Dubra- nun vertedoiro a ceo aberto. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento na que lle reclamou á Xunta que “escoite á cidadanía” en contra do proxecto.
Iglesias mantivo un encontro co alcalde de Val do Dubra, o socialista Diego Luis Díaz, e á asociación veciñal de Niveiro, que seguiron o debate dende as instalacións do Grupo Socialista no Parlamento, e que trasladaron a súa oposición a este proxecto. Lembra que tanto o concello de Val do Dubra como o de Trazo amosaron o seu apoio á veciñanza e lle pediron á Xunta que non emita unha Declaración de Impacto Ambiental favorable.
A parlamentaria socialista emprazou ao goberno galego a “frearlle os pés ás empresas mineiras especulativas e non sempre crer no seu relato”. Explicou que o proxecto terá importantes perxuízos para as vivendas, situadas a menos dun quilómetro, e ás explotacións gandeiras e agrícolas, situadas a 800 metros da antiga mina.
Patricia Iglesias lamentou que a Xunta “non escoita á veciñanza nin aos concellos que soportan a súa altivez” mentres converte á industria mineira nun “xigante con pés de barro” en Galicia pola súa falla de planificación.
Esixiulle ao goberno galego que garanta a sostenibilidade medioambiental, económica e social dos proxectos, que constitúen “tres patas que para os socialistas galegos están unidas inexorablemente” para que Galicia se posicione como unha rexión industrial avanzada, capaz de impulsar o desenvolvemento socioeconómico e facilitar o reto da transición enerxética”.