Insta a PP e BNG a sumarse ao Pacto da Enerxía e da Industria impulsado polos socialistas galegos e reclama unha Axencia da Enerxía “cen por cen pública”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou á Xunta de privatizar os recursos naturais de Galicia mediante unha Lei que é “un despropósito normativo” que chega “tarde, mal e arrastro”. Reclamou a devolución da Lei de Recursos Naturais que comezou hoxe o trámite parlamentario aprobada en solitario polo PP a pesares da emenda de devolución que presentou o Grupo Socialista.
Iglesias considera que esta norma é “un erro de forma e de contido”, que supón un “totum revolutum” pensado para regular a Sociedade Recursos de Galicia, case oito meses despois de ter sido concibida e constituída para privatizar os recursos naturais da Comunidade Autónoma. En definitiva, un novo paso nunha política errática da xestión da industria sostible, carente de ambición renovable e que ten paralizado ao sector.
Dixo que a norma “é un despropósito normativo, un sinsentido de técnica lexislativa e unha compulsiva sucesión de eufemismos imperdoables”, que supón “unha conxunción de modificacións de outras leis existentes, metido todo nun caixón desastre e revolto como nunha cocteleira”. Criticou que se trata dunha “compilación de temas sen orde para privatizar os recursos naturais de Galicia” e regular unha entidade meses despois de ter sido constituída.
Iglesias criticou a falta de participación social na elaboración da norma, de costas aos concellos e os sectores implicados e que demostra falta de planificación, opacidade e falta de avaliación rigorosa dos efectos medioambientais.
Chamou a “mirar por riba dos intereses partidarios” para poñer “luces longas” e un desenvolvemento dos recursos naturais “con mesura e equilibro”, mentres que o goberno galego evidencia o “rotundo fracaso” da súa política enerxética. Criticou a “negación sistemática” por parte dun BNG empeñado en “soprar e sorber ao mesmo tempo” e que se demostra “incapaz de aportar unha proposta de enerxías renovables realista e viable”.
Reclamou regular os recursos naturais cunha lexislación “ambiciosa, ordenada e sensata”, tres condicións que incumpre o texto debatido hoxe, polo que pediu reabrir o debate dende o inicio para “afrontar o que é unha necesidade lexislativa pero con xeito”.
A responsable socialista instou a PP e BNG a sumarse ao Pacto da Enerxía e da Industria impulsado polos socialista galegos como punto de encontro para unha ordenación respectuosa co medio, co ecosistema, o patrimonio cultura e as comunidades locais e reclamou unha Axencia da Enerxía que sexa “cen por cen pública”.