A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou unha moción no Pleno do Parlamento para acabar coa discriminación salarial dos traballadores de Xustiza en Galicia que foi aprobada por unanimidade. A responsable socialista lamentou a “falla de vontade na negociación” cos traballadores demostrada pola Xunta ata o momento da folga.
A proposta aprobada logo dunha transacción co PP reclama a mellora das retribucións destes traballadores e traballadoras “coa media do resto de comunidades autónomas”, sinaladamente no relativo ao complemento autonómico transitorio. Ademais, reclama a consolidación das prazas que responden a necesidades estruturais, “especialmente as de máis de 3 anos”, así como a reposición das prazas que teñen sido amortizadas.
A responsable socialista lamentou a “falla de vontade na negociación por parte da Xunta”, que provocou nos pasados 1 e 13 de decembro as dúas primeiras folgas do persoal da Xustiza na historia desta Comunidade Autónoma cun seguimento “masivo”. Acusou ao goberno galego de demostrar “desprezo aos traballadores” ao dicirlles que “non había ningunha oferta económica concreta”.
Sinalou que, mentres teñen enviado ao director xeral aos encontros cos traballadores, que “non resolve”, logo de que o conselleiro tan só se reunira con eles “un día, hai nove anos”, a reunión prevista para este mércores contará coa presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Explicou que este órgano “ten por fin responder aos conflitos entre empresarios e traballadores, pero –lembrou- os de Xustiza son funcionarios”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a atender ás reclamacións dos sindicatos con representación entre o persoal de Xustiza de Galicia, abrindo un período de diálogo permanente, nos seguintes termos:
1º) Mellorando as retribucións dos traballadores da Administración de Xustiza coa media do resto de Comunidades Autónomas, especialmente no complemento autonómico transitorio.
2º) Consolidando as prazas que responden a necesidades estruturais, especialmente as de máis de 3 anos.
3º) Repoñendo as prazas que foron amortizadas naqueles supostos e ámbitos de especial afectación.
4º) Negociando un acordo tendente a acadar a eliminación da discriminación no ámbito xudicial con outros corpos de funcionarios ou autoridades, no tratamento das situacións de incapacidade temporal.
5º) E abonando o cen por cen das retribucións nos casos de substitucións dun corpo superior, demandando ao Goberno do Estado á reforma da lexislación estatal mediante a aplicación do principio de non discriminación e igualdade de trato recollido na sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, de 14 de setembro de 2016”.