Esíxelle ao goberno galego que atenda ás entidades locais que reclaman a construción e mellora dos equipamentos e as instalacións deportivas
A portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que aprobe un Plan de infraestruturas deportivas para atender ás demandas de construción e mellora de equipamentos e instalacións que están a demandar os concellos dende hai anos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na que lle reclamou á Xunta que faga balance da situación e comprometa as actuacións prioritarias.
Castro advertiu que os 10 millóns de euros previstos nos orzamentos da Xunta para infraestruturas deportivas son escasos e “non dan para moito”, polo que urxiu a “planificar e priorizar” as actuacións partindo dun mapa de equipamentos a nivel autonómico.
Recomendoulle á Xunta que tome nota da Lei estatal do Deporte de 2022 en aspectos coma o recoñecemento da práctica deportiva como actividade esencial e a determinación como instrumento de cohesión territorial e de promoción e desenvolvemento económico de territorios rurais, “xa que sería moi beneficioso para o noso territorio”.
Advertiu que a boa calidade das instalacións deportivas resulta “fundamental” para o desenvolvemento e a promoción da actividade deportiva, que debe garantir a súa accesibilidade universal, respectando as normas esenciais de seguridade e sostibilidade.
A parlamentaria socialista fixo un relatorio das necesidades urxentes trasladadas polos concellos galegos, como o espazo deportivo de Bertamiráns -Ames-, a ampliación do polideportivo de Barbadás, a cuberta do pavillón de Caldas de Reis ou o céspede e a cuberta do polideportivo de Campolameiro.
Ferrol precisa, continuou unha Cidade do Deporte, o pavillón de Dodro, a pista de atletismo de Friol, o Motor Park en Entrimo, ou polideportivos en Oia, Sigüeiro -Oroso-, Narón ou Ponteareas, e sinalou á necesidade do clube náutico de Pontecesures e mesmo o pavillón de A Parda, en Pontevedra, que desaparece do mapa logo de cada convocatoria electoral.