A portavoz de Cooperación do Grupo Socialista, Paloma Castro, instou hoxe ao goberno galego a renovar o Pacto Galego contra a Pobreza, asinado en 2010, e presentar un novo Plan Reitor da cooperación 2021 – 2024 “máis ambicioso e adecuado ao momento actual”. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores, hoxe na Comisión Institucional do Parlamento.
A responsable socialista insistiu na necesidade de renovar o Pacto galego contra a pobreza, logo de 11 anos de vixencia, para “actualizar a construción dun modelo de cooperación ao desenvolvemento de calidade e transformador para Galicia”. Concluíu que a Xunta de Galicia “ten que apostar pola cooperación”, e demostrar o seu compromiso cun novo Plan Reitor “máis ambicioso, que marque o obxectivo de destinar un 0,1 e 0,2 por cento do Orzamento.
Sinalou que a Xunta estase a demostrar como “un dos gobernos autonómicos menos comprometidos coa cooperación”, á que lle destina apenas o 0,06 por cento do Orzamento, preto da metade do 0,1 que lle dedicaba o goberno presidido polo socialista Touriño. E isto a pesares de que o orzamento para a cooperación aumentou un 12 por cento este ano, por debaixo do 14 por cento de incremento global, que “non da para recuperar o recorte brutal” que lle aplicou Feijóo.
Sacar as cores
Os datos de Galicia, dixo, “lonxe de servir para sacar peito, serven para sacarnos as cores”, cando Galicia está á cola da cooperación, xunto con Canarias, Madrid ou Murcia, e moi lonxe de autonomías como Euskadi, Estremadura ou Navarra, que destinan xa o 0,2 por cento do orzamento. Sinalou ademais que outras autonomías como Asturias, A Rioxa, Cataluña, Valencia u Baleares dedican entre o 0,1 e o 0,2 por cento do orzamento.
Explicou que o goberno galego apenas destina á solidariedade 2,5 euros por habitante, menos da metade da media do Estado, que é de 5,4 euros por habitante, moi lonxe dos 11 euros por habitante que lle dedica Navarra e aínda máis afastado dos 20 euros por habitante que dedica Euskadi.
Paloma Castro concluíu que a solidariedade “forma parte esencial da resposta ao gran reto global contra a covid – 19”, e chamou a “abrir os ollos, reflexionar e reorientar o noso compromiso e as políticas públicas para alcanzar un mundo o máis xusto posible”.