A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle á Xunta que modifique a normativa para garantir que “os letrados que queiran acceder ou manterse na quenda especial de violencia de xénero” teñan como requisito obrigado “non ter sido condenados por este mesmo tipo de delito”. Castro presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento de hoxe logo de coñecer a alerta trasladada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais –Fademur- á Valedora do Pobo e ao Defensor del Pueblo.
Castro sinala que “non estamos a pedir algo desorbitado, senón de sentido común”, que a Lei prevé xa no caso dos menores “pedindo antecedentes para exercer a docencia ou calquera outra profesión relacionada con eles”. Sinalou que “se loxicamente un pedófilo non pode traballar con menores, non entendemos como un maltratador si que pode ser letrado dunha vítima de violencia de xénero”.
Apunta que “maltratar a unha muller non só implica o acto de violencia en si, senón que leva detrás un machismo arraigado, unha crenza de posesión e superioridade polo feito de ser home que o incapacita para asesorar coa dilixencia debida a calquera muller ou mesmo para ser un bo pai, entre outras cousas”.
A responsable socialista apunta que de manter este tipo de casos “como administración estaranlle fallando a esas mulleres”, e engadiu que “a violencia machista non flota no baleiro, senón que hai unha rede que a sostén, deixemos de blanquear aos maltratadores e empecemos a sinalalos”.
Paloma Castro reclamou a mellora das eivas detectadas na asistencia letrada ás vítimas de violencia de xénero, que “o que necesitan é unha man amiga, un letrado ou letrada empática e sensibilizada coa súa situación, que ademais de asesorala saiba escoitala”. Alerta de que “un mal asesoramento pode facer que esa muller dea un paso atrás e engrose a terrible estatística que apunta que o 80 por cento das mulleres asasinadas non presentaran denuncia previa”.
Neste sentido, reclamou a “unidade de atención letrada” nestes casos “porque evita a revitimización, aumenta a seguridade e confianza da vítima e por economía procesual”. Ademais, pediu que “non teña límite temporal”, xa que actualmente as vítimas poden manter ao mesmo letrado mentres o procedemento estea aberto e ata despois de 1 ano, que na súa opinión “queda corta” e “debera estenderse á defensa nos procesos posteriores vencellados á condena inicial”.