A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiu a implicación da Xunta para garantir a continuidade da planta de reciclaxe de Lousame, que está a “torpedear dende fora”. Castro presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que salientou o éxito da xestión desta planta, cun nivel de reciclaxe 5 puntos por riba da media de Galicia, fronte ao modelo centralizado e colapsado de Sogama.
Castro sinalou que “non entendemos como dende o goberno da Xunta queren demonizar unha xestión que é boa, e cuxo mantemento axudaría a romper co modelo fracasado de Sogama”. Reclamoulle á Xunta que “se comprometa a colaborar no futuro do Complexo Medioambiental de tratamento de residuos sólidos urbanos de Lousame para garantir a súa continuidade tras o fin da concesión en 2023”.
Dixo que “a Xunta ten que implicarse no mantemento desta planta de Lousame e investir en I+D co fin de acadar melloras técnicas que permitan unha xestión máis eficiente dos residuos”. Sinalou que esta planta, que da traballo a 170 persoas, conta co respaldo dunha “veciñanza sensibilizada”. Defendeu un modelo, que xestiona os residuos de case 90.000 persoas de 9 concellos, e que demostra a “viabilidade e a sostenibilidade que supón a reciclaxe de proximidade”.
Os índices de reciclaxe da planta atópanse “moi por riba da media galega”, que “mellora notablemente”, especialmente nos segmentos de papel e cartón, cun 62 por cento fronte ao 19 de Galicia, en envases lixeiros, cun 52 fronte ao 22 por cento de media de Galicia. No mesmo sentido, en materia orgánica a distancia acrecéntase aínda máis, cun 35 por cento fronte ao escaso 5 por cento de Sogama.
Mentres, criticou que a Xunta combate á planta dende fora con “mensaxes confusas sobre a viabilidade da planta” e dende dentro co “desleixo na xestión” cando é a quenda dos alcaldes do PP, simplemente porque “todo o que non estea dentro do seu modelo Sogama non vale aínda que os datos o referenden”. Lembrou que mentres Sogama recupera para reciclaxe 14,9 quilogramos por habitante ao ano, a planta de Barbanza chega aos 51,1 quilogramos por habitante ao ano.
Paloma Castro reclamoulle ao goberno galego unha aposta por “modelos de proximidade e inmediación” como o de Lousame e “romper co modelo centralizado de Sogama”, que se ten demostrado fracasado e sintomático da falla de estratexia da Xunta na xestión de residuos. Sinalou que apenas a un ano do remate da vixencia do Plan de Residuos Urbanos de Galicia 2016-22, “aínda non cumprimos nin o primeiro obxectivo” logo de “anos de desleixo na xestión de residuos”.
Sinalou que unha xestión como mínimo cuestionable ten situado a Galicia “entre as comunidades autónomas que teñen os peores resultados en materia de reciclaxe”, polo que “compre poñernos as pilas e saír deste ránking tan pouco desexado”.