A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de reclamarlle á Xunta que e poña en marcha “medidas para a prevención e protección da cidadanía” fronte ao auxe dos delitos informáticos. A responsable socialista presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento na que lamentou a política de “botar balóns fora” do PP, máis preocupado de “buscar culpables que de buscar solucións”.
A responsable socialista alertou de que a cidadanía “atópase indefensa” e en “clara desvantaxe” fronte aos grupos organizados que están a aproveitar as novas tecnoloxías da comunicación para atacar á cidadanía. Reclamoulle ao goberno galego que “sexa responsable e protexa á cidadanía” desamparada fronte a novas condutas delitivas que “atacan á súa intimidade ou ao seu patrimonio” e “fomenten a cultura da ciberseguridade”.
Castro tomou o exemplo de outras comunidades autónomas, como é o caso da Rioxa -a través de campañas publicitarias de información e prevención-, Aragón –a través de trípticos e carteis e documentos audiovisuais con consellos e conceptos preventivos-, Andalucía ou Cataluña, entre outras.
A parlamentaria socialista alertou fronte ao incremento da criminalidade informática en Galicia, cun aumento do 135 por cento dos procedementos xudiciais abertos no ano 2020. Explicou que os delitos máis comúns son as estafas informáticas, os delitos informáticos de danos, as defraudacións de telecomunicacións ou os ciberdelitos contra a intimidade ou ciberacoso.
Lamentou o desleixo do goberno galego, que “non entende necesario actuar”, e reclamou que “non me diga que isto non é posible ou non lles compete, porque para facer política como fan para crear unha sensación de falsa inseguridade fronte aos delitos de okupación non dubidan”. Lembrou que o delito da usurpación de vivenda suscitou 17 procedementos xudiciais no ano 2020, fronte aos 1.085 iniciados por delitos informáticos.