A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de reclamarlle á Xunta que poña en marcha campañas de información á cidadanía ante o incremento notable das estafas a través das TICs ou vía internet. Así o dixo na comparecencia do Fiscal Superior de Galicia, que presentou hoxe a Memoria da Fiscalía correspondente ao ano 2020.
A responsable socialista reivindicou unha especial tipificación ademais do caso das vítimas menores, “adaptando a normativa á nova realidade social e ao uso das TICs” como medio de acoso, o que evidencia que “os nosos menores merecen unha especial protección”.
Alertou das “consecuencias nefastas” que provoca o “colapso dos xulgados especializados en Violencia de Xénero de A Coruña e Vigo”, así como outros partidos xudiciais ou xulgados de instrución que coñecen destes asuntos. Lembrou que o reforzo dos recursos para a administración de Xustiza é competencia do goberno autonómico, o responsable en última instancia da precariedade dos xulgados galegos.
Ademais, alertou do elevado número de delitos de quebrantamentos de condena neste eido no ano 2020, o que pon ás mulleres vítimas nun “grave perigo”, facendo inviable “iniciar unha nova vida”, ademais do “efecto disuasorio da decisión de denuncia”. Coincidiu neste sentido coa Fiscalía de A Coruña na súa recomendación de incrementar as penas por quebrantamento, e engadiu “a necesidade de aplicar máis medidas de control dos maltratadores”.
Considerou “imperdoable” que “un quebrantamento poida ter como consecuencia o asasinato dunha muller”, o que deriva na “responsabilidade subsidiaria das diferentes administracións”. Alertou tamén do aumento dos delitos contra a liberdade sexual, sinaladamente o abuso sexual a menores e o proxenetismo, e reivindicou unha nova tipificación do delito de abuso sexual, porque “non é non sempre”.
Reivindicou unha nova regulación do proxenetismo que “avance cara unha abolición da prostitución”, con novas medidas de “incremento de penas aos proxenetas, ou a tipificación da conducta dos prostituíntes como delito”. Sinalou que “en pleno século XXI a escravitude e a trata de escravas teñen que estar prohibidas en tódalas súas formas, e esta é unha das máis terribles”.
Okupación
Finalmente, Castro sinalou que os datos ofrecidos ano tras ano polas memorias da Fiscalía sinalan que a okupación “está moi lonxe de ser un problema real no noso territorio”, e alertou fronte aos “perigos que pode ocasionar na sociedade aplicar a política do medo para crear unha sensación de inseguridade que é falsa”.
Lembrou que de acordo cos datos da Fiscalía, no segundo trimestre deste ano presentáronse 12 denuncias por okupación ilegal da vivenda, unha caída do 18,5 por cento con relación a 2020 –cando se denunciaran 17 okupas-, e do 31 por cento con respecto a 2019 -24 okupas-.
A responsable socialista alertou do incremento da actividade delitiva no eido familiar, onde “a violencia contra os e as menores é unha lacra que debemos combater con tódolos recursos ao noso alcance”, xa que as secuelas sobre os nenos e nenas son “terribles”. Chamou a avanzar na liña da recente reforma da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que define por primeira vez a violencia vicaria a través de persoas interpostas.
Estas vítimas adoitan ser os fillos e fillas menores, que afortunadamente viron aumentada a súa protección tamén a nivel procedimental, “intentando non estigmatizar a estes menores e que sufran o menor trauma posible”.