A responsable de Función Pública do Grupo Socialista, Paloma Castro, presentará na Comisión de Política Social do Parlamento que se celebrará na próxima semana unha iniciativa parlamentaria para reclamarlle á conselleira de Política Social que reciba ao persoal do seu departamento, que está pedindo unha vía de diálogo para resolver as súas demandas laborais.
A responsable socialista reclámalle “responsabilidade” á conselleira para resolver un conflito laboral ao que ten abocado a estes traballadores e traballadoras logo de meses evitando calquera tipo de diálogo. Alertou do grave dano que pode supor un conflito deste tipo en plena pandemia, no que “non podemos asumir unha situación con escolas infantís ou centros de día con servizos mínimos”.
así que remate co ninguneo dos traballadores e traballadoras do Consorcio Galego de Benestar e estableza “canles de diálogo cara a chegar a unha solución á situación laboral na que se atopan”. Sinala que “non podemos entender nin compartimos este desleixo por parte da conselleira, que non se reúne cos traballadores e traballadoras dun ente que depende da Consellería de Política Social” e que padecen taxas de temporalidade do 91 por cento.
Sinala que “este comportamento se cabe é máis inadmisible en plena pandemia do coronavirus”, con centos de traballadores e traballadoras que “levan dedicándose estes meses ao seu traballo cun plus de risco e tomando tódalas medidas para garantir espazos seguros da covid – 19”. Lembra que os usuarios e usuarias destes servizos son precisamente nenas e nenos das escolas infantís e maiores ou persoas con discapacidade nos centros de día.
Os socialistas galegos levaron esta iniciativa á Mesa da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego, que se celebrou hoxe para fixar a orde do día da próxima sesión deste órgano, que terá lugar o próximo xoves.