Censura que a Xunta non orzamente “nin un euro” para a recuperación da memoria democrática no proxecto de orzamentos de 2022
A voceira de Memoria Democrática do Grupo Socialista, Paloma Castro, propuxo hoxe impulsar un proxecto de recuperación da memoria democrática das mulleres galegas. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha proposición non de lei, que se votará esta tarde na Comisión de Xustiza do Parlamento, co obxectivo de instar á Xunta a “visibilizar e recoñecer a represión que sufriron” as mulleres, así como o “papel vertebrador que tiveron na loita pola democracia e a autonomía galega”.
Neste sentido, a voceira de Memoria Democrática do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou a falla dunha partida orzamentaria para esta materia no proxecto de orzamentos redactado pola Xunta para o vindeiro ano e, así, censurou a “actitude do PP” cando o PP xoga a “ambigüidade”, dado que, ao tempo que non dedica cartos, elabora un “discurso” no que reivindica para o patrimonio galego as tallas do Mestre Mateo da Catedral ou a Casa Cornide.
De feito, sinalou que, tralos avances que se produciron en España durante o goberno de Zapatero nesta materia co impulso da primeira Lei de Memoria Histórica e dos progresos neste campo tamén en Galicia grazas ás políticas do goberno de Emilio Pérez Touriño cando impulsou, por exemplo, a creación do Consello da Memoria, “coa chegada ao goberno do PP á Xunta en 2009, meteuse todo nun caixón” e agora “non hai partida nos orzamentos para memoria democrática”.
Con todo isto, Castro lembrou que xa o ano pasado o Grupo Socialista emendara os orzamentos “pedindo unha partida de 1.600.000 euros” que o PP rexeitou. Así, avanzou que, este ano, dende o PSdeG “insistiremos novamente” neste asunto, xa que para a construción dunha memoria democrática compartida precísase tanto “vontade política” como “dotar esa vontade de investimento”.
“TEMOS A OBRIGA DE RECUPERAR A HISTORIA CON PERSPECTIVA DE XÉNERO”
“É necesaria unha partida orzamentaria dirixida a facer cumprir en Galicia a Lei de Memoria Democrática, tanto a lei actual como a futura lei de memoria que se atopa no Congreso en fase de tramitación”, sentenciou a socialista. Así, incidiu, “temos a obriga ademais de recuperar a historia con perspectiva de xénero, sen deixar a ninguén atrás”, o cal “é fundamental para visibilizar e reivindicar como suxeitos políticos ás mulleres”.
Neste sentido, sinalou que “non podemos permitir que as nenas e nenos galegos sigan recibindo un coñecemento amputado, un relato histórico incompleto, baseado nun canon cultural que corresponde unicamente aos valores e espazos masculinos e non aos da totalidade da poboación”.
“Non chega só co discurso, hai que tomar medidas”, urxiu a socialista. “A sociedade galega temos un deber de memoria coas persoas que foron perseguidas, encadeadas, torturadas e incluso perderon os seus bens e ata a súa propia vida en defensa da democracia e da liberdade e este deber colle máis forza cando se trata das mulleres: a débeda con elas é histórica porque levan sufrindo o silencio da sociedade todos estes anos”, concluíu.