A deputada socialista advirte que nos orzamentos da Xunta para 2022 non aparece ningunha partida para este barrio, cando aínda quedan por investir preto de 8,5 millóns de euros
A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle á Xunta que deixe de “tomarlle o pelo” á veciñanza do barrio pontevedrés de Monteporreiro e que retome un proxecto de reurbanización “que leva 8 anos metido nun caixón”. Paloma Castro lembrou hoxe na Comisión de Obras Públicas do Parlamento que esta iniciativa se remonta a 2009, pero que leva paralizada polo Partido Popular dende 2013. Neste contexto, a deputada do PSdeG considerou que o portavoz do grupo municipal do PP en Pontevedra “ten a cara de cemento armado” cando “segue a acudir ao barrio e denunciar publicamente as carencias existentes”, como fixo hai uns días, nun “claro engano á veciñanza”
Así, Paloma Castro explicou que o proxecto, inicialmente proxectado polo goberno do socialista Emilio Pérez Touriño, foi asumido polo goberno de Feijóo, quen comprometeu un investimento de 10 millóns de euros para un proxecto “ambicioso e prioritario”. Con todo, en realidade só se executou a primeira fase, á que se destinaron 1,5 millóns de euros. “Os outros 8,5 millóns de euros”, alertou Paloma Castro, “están agochados e unicamente se utilizan para seguir sendo unha promesa electoral de Feijoo”.
Nesta liña, alertou de que “a día de hoxe non hai nada” e que nin sequera o orzamento da Xunta para 2022 contempla a execución da 2ª fase deste proxecto, “outro engano a tódalas veciñas e veciños deste Barrio e por extensión a todas e todos os pontevedreses”. En consecuencia, estamos ante “outra promesa electoral do PP incumprida, que afecta a un barrio de familias obreiras, que en todo este tempo xa foron golpeadas por dúas crises e ás que a o Goberno de Feijóo ten abandonadas”.
A parlamentaria do PSdeG incidiu, precisamente, en que agora son de novo as asociacións veciñais “as que están a reclamar unhas melloras neste barrio que son necesarias e urxentes”. Por iso, Paloma Castro reclamoulle á Xunta que retome o proxecto e invista os 8,5 millóns de euros nas 3 fases que restan do proxecto.
Explicou que aínda queda por realizar a 2ª fase, de actuacións na zona entre as vivendas sociais da rúa Alemaña, a 3ª fase, que contempla a intervención na zona libre entre os bloques de vivendas sociais, e a 4ª fase, de actuación na praza central e os espazos libres entre a rúa Bélxica, Reino Unido, Luxemburgo e Alemaña.
Esa iniciativa serviría para mellorar unha zona que, a día de hoxe, se caracteriza maioritariamente por beirarrúas levantadas cun parcheado continuo, unha zona de terra e pedras no medio do barrio, farolas de obra que practicamente non iluminan ou a estrada e o aparcadoiro cheo de fochancas e fendas.
Son condicións que, segundo Paloma Castro, “non se merecen” os veciños e veciñas dun barrio no que comeza a súa vida independente moita xente nova, onde hai moitos nenos e nenas que xogan nun parque e nuns xardíns que son de terra ou no que os maiores ou as persoas con discapacidade física teñen un gran perigo cando van polas beirarrúas.