A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, presentará na Comisión de Sanidade que se celebra mañá no Parlamento unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que manteña aberto o ciclo de Primaria na EEI de Verducido. Castro visitou hoxe a escola unitaria, onde mantivo un encontro cos pais e nais antes do debate de mañá.
Castro lembra que Educación pechou no curso pasado unha das aulas de Infantil, e neste curso suprimiu a unidade de Primaria, o que derivou na denuncia dos pais e nais e unha sentenza xudicial en contra. Malia o pronunciamento xudicial, alerta de que o goberno galego teña remitido aos pais e nais unha nova comunicación a finais do pasado mes de febreiro ratificando que o próximo curso manterá a aula pechada.
A responsable socialista denuncia o desmantelamento continuo durante os últimos 3 anos dunha escola que conta con 60 anos de historia e un modelo educativo multipremiado. Esixiralle ao goberno galego que “rectifiquen porque non poden deixar a estes nenos e nenas sen escola”. Denunciou que “mentres o presidente da Xunta enche a boca falando da Lei de Impulso Demográfico, a realidade dos feitos evidencia que seguen a restrinxir servizos nas parroquias”.