A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que ofreza u criterio unificado de actuación da policía adscrita a Galicia e as policías locais, sinaladamente fronte ás situacións derivadas da emerxencia sanitaria. A responsable socialista mantivo un encontro con representantes do Sindicato Unificado de Policía –SUP-, para abordar a situación dos corpos de seguridade fronte á pandemia.
Castro criticou a “falla de interese” demostrado polo goberno galego para coordinar a actuación das forzas e corpos de seguridade, “como evidencia que leven dende o día das eleccións autonómicas sen convocar ao Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria –Cecop-”. Este órgano é o encargado de coordinar ao goberno galego –con competencias sobre a policía adscrita-, aos concellos –responsables das policías locais- e á Delegación do Goberno.
Sinalou que “segue a haber problemas de diverxencia de criterios entre os corpos de seguridade porque a Xunta ten abdicado da súa responsabilidade de coordinación, demostrando unha falla de dirección perigosa”.
A responsable socialista anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para trasladarlle ao goberno galego a situación deste colectivo a través da Cámara autonómica, logo de constatar os diversos problemas que están a rexistrar, que pasan pola súa “incomprensible exclusión dos cribados”. Cualificou de “absurdo” que o goberno galego non incorpore aos seus listados tamén a estes funcionarios, por moito que estean integrados á mutua sanitaria Muface.
Ademais, os socialistas galegos preguntarán ao goberno galego pola situación dos policías de Viveiro e Monforte, os únicos de todo o territorio galego que foron excluídos da primeira dose de vacinación con Astra Zéneca. Reclamou “a mesma eficiencia sanitaria en tódalas áreas sanitarias”, sinaladamente en plena pandemia.
Procesos de selección
Os socialistas galegos presentarán na Cámara iniciativas para incrementar a transparencia e a equidade nos procesos de selección dos funcionarios do corpo de Policía Nacional adscrita a Galicia. Ademais, salientou o esforzo por recuperar os efectivos destinados a Galicia logo da etapa de goberno do PP, que reduciu 8.584 policías en todo o Estado, co que Galicia mantense por debaixo dos 500 efectivos dos que podería dispor.