Paloma Castro denuncia que esta obra, recentemente executada, reflicte “unha intervención de trámite por parte da Xunta de Galicia sen o mínimo interese polo valor histórico e patrimonial da zona” e con perigosos puntos negros
A vicevoceira do PSdeG tamén reclama que o goberno galego adopte medidas para evitar accidentes de vehículos pesados na ponte de San Caetano
A vicevoceira do PSdeG, Paloma Castro, vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que corrixa as eivas e puntos negros existentes na nova senda peonil na PO-225, ao seu paso polo núcleo de San Caetano, na parroquia pontevedresa de Alba.
A deputada socialista lembra que a Xunta inaugurou esta senda o pasado mes de febreiro. A iniciativa -que custou aproximadamente 700.000 euros- permitiu a construción dun viario de 710 metros de lonxitude, unha pasarela metálica de 12 metros sobre o río Rons, o acondicionamento da praza no exterior da capela de San Caetano e a corrección dalgunha deficiencia neste tramo.
Paloma Castro sinala que se trataba “dunha demanda que levaban facendo moito tempo os veciños e veciñas debido ao abandono e ao perigo deste tramo para as persoas viandantes”. Con todo, a deputada do PSdeG advirte de que “a intervención ten moitos puntos negros, que reflicten unha intervención de trámite por parte da Xunta de Galicia sen ter o mínimo interese polo valor histórico e patrimonial desta zona e que, ademais, presenta eivas graves que é necesario corrixir”.
MELLORAS NA ZONA
Ante esta situación, Paloma Castro insta agora ao goberno galego a que se leven a cabo actuacións como a retirada das papeleiras ou que se asine dun convenio co Concello de Pontevedra para que asuma a súa limpeza. Tamén pide que se coloque un pavimento de vidro nun pequeno tramo, á altura do lugar Guxilde, para que se poida apreciar a calzada romana orixinal.
Ao mesmo tempo, nestas propostas solicítase que se tape cun enreixado o sumidoiro que se atopa no marxe dereito da calzada antes de chegar á ponte do río Rons para evitar caídas, que se amplíe a illa destinada aos contedores co fin de poder agrupar todos nun mesmo lugar e que se proceda ao asfaltado da marxe esquerda da capela de San Caetano, “que nin sequera se tocou e que se atopa en moi malas condicións”.
A maiores, as melloras esixidas inclúen a colocación dunha varanda de peche ao remate da ponte do río Rons e a recuperación para o seu uso da fonte existente nunha das marxes do camiño. Paloma Castro tamén reclama a colocación de paneis informativos que expliquen as singularidades deste tramo do Camiño e da capela de San Caetano e que ademais informen aos peregrinos e peregrinas que teñen que cruzar a calzada ao final da ponte, “antes dunha curva moi perigosa”.
Por último, tamén esixe que se acondicione o tramo que vai dende o inicio da parroquia de Cerponzóns ata a ponte da vía do tren, habilitando unha beirarrúa e que se coloque un panel informando do seu perigo.
MEDIDAS PARA EVITAR ACCIDENTES DE CAMIÓNS NA PONTE DE SAN CAETANO
Por outra banda, Paloma Castro tamén sinalou que o grupo socialista vén de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento para que a Xunta tome medidas para evitar accidentes de vehículos pesados na ponte ferroviaria de San Caetano, na PO-224, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Alba.
De maneira complementaria, a vicevoceira do PSdeG reclama que se arranxe e reforce esa ponte, “moi deteriorada polos continuos impactos de camións”.
A deputada socialista recorda que neste punto “levan anos producíndose accidentes de camións ao quedar entalados nesta ponte por non ter a altura suficiente”. Castro explica que esta situación provocou que se instalasen medidas de control de altura e sinalización que “non resultaron suficientes porque os accidentes seguen a producirse”. Unha situación que volveu repetirse o pasado 21 de setembro, “ante a ausencia de sistemas de alerta axeitados”.
Paloma Castro indica así que o goberno da Xunta “ten que buscar outra solución a este problema porque o sistema implantado non está a funcionar e, ademais, as láminas metálicas que se colocaron para este fin desapareceron”.
Por outra banda, “co fin de mellorar o tráfico e a seguridade dos peóns”, o goberno da Xunta ten que actuar nesta zona habilitando unha rotonda na N-550 para facilitar a conexión cara a variante e que, ao mesmo tempo, permita un cambio de sentido nesta estrada, “algo moi demandado pola veciñanza”.
A maiores, Paloma Castro reclama un paso de peóns que permita cruzar a estrada autonómica con seguridade.