Sinala que as persoas maiores do Salnés “teñen os mesmos dereitos que outros territorios” e esíxelle á Xunta que atenda ao alcalde de Cambados e ofreza unha resposta
A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle á Consellería de Política Social que responda ás chamadas do alcalde de Cambados, que leva máis dun ano intentando reunirse para que a Xunta garanta prazas públicas de residencia na localidade. Castro unha pregunta na Comisión de Política Social na que sinalou que os maiores do Salnés “teñen os mesmos dereitos que outros territorios” a contar cunha residencia pública.
Este servizo está actualmente en risco pola situación actual do Pazo de Montesacro, no que a congregación das Hermanitas dos Anciáns Desamparados viña xestionando 70 prazas públicas de maiores. Esta residencia sen embargo está á venta dende setembro de 2023 e xa non acollen a novos residentes, que se atopan coa ameaza de que peche as súas portas e os usuarios teñan que ser reubicados.
Reclamoulle ao goberno galego que empregue os Orzamentos para 2025, agora en trámite parlamentario, e garantan unha resposta, ben adquirindo o Pazo de Montesacro ou ben aceptando a cesión de terreos do Concello para construír unha nova residencia. Explicou que esta daría servizo ás 100.000 persoas do Salnés, que só contan cunha oferta de prazas privadas dunha residencia en Ribadumia, que non ten competencia porque o goberno galego non quere garantir prazas públicas.
Sinalou que “os galegos e galegas teñen que ter acceso aos mesmos dereitos, entre os que se contan unha vellez digna e uns coidados públicos no seu entorno e rodeados dos seus veciños e familiares”. Explicou que actualmente en Galicia hai 22.000 prazas de residencias de maiores, das que 17.000 son privadas e só 4.800, o 23 por cento, son de carácter público.
Lembrou que o Consello de Contas vén de denunciar que a Xunta ten reducido as inspeccións, pasando en poucos anos de revisar o cen por cen a só o 40 por cento, que ademais deixaron sen corrixir as deficiencias detectadas. Puxo en dúbida a xestión das residencias por parte da Consellería de Política Social logo da denuncia da Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras, que denunciou “chivatazos” da Xunta ás residencias antes dos controis oficiais.