Sinala que os veciños e veciñas “teñen dereito a deixar de depender de fosas sépticas” e requiren da implicación da Xunta para unha actuación “inviable” para o Concello
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle á Xunta que garanta o saneamento e depuración de augas en tódalas parroquias de Cerdedo – Cotobade en igualdade de condicións. Castro cualificou de “incomprensible” que o PP votara en contra da proposición non de Lei que levou hoxe á Comisión de Infraestruturas que se celebrou hoxe no Parlamento para reclamarlle á Xunta que execute as obras pendentes e que son “inviables” para o Concello e os particulares.
A responsable socialista responsabilizou ao goberno galego de que os concellos rurais dispoñan dunha infraestrutura adecuada que garanta o saneamento en tódolos núcleos de poboación do concello. Advertiu que a día de hoxe moitas das localizacións do Concello aínda dependen de pozos negros ou fosas sépticas porque carecen de rede de sumidoiros, o que supón unha solución “medioambientalmente pouco eficiente”.
Lembrou que nos últimos anos os avances foron “moi escasos, incluso inexistentes na parte alta do Concello”, e puxo como exemplo a parroquia de Tenorio, onde despois dun investimento de máis de 2 millóns de euros, a día de hoxe segue sen entrar en funcionamento a nova depuradora que está construída dende 2020.
Puntualizou que os veciños e veciñas de Cerdedo – Cotobade “teñen dereito a ter un sistema de saneamento e a deixar de depender do uso das fosas sépticas”, que é unha obriga do Concello e que require da implicación “indispensable” da Xunta. Neste sentido, engadiu que Galicia ten que avanzar cara o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 e situarse no mesmo nivel de cumprimento que o resto do Estado.
Así, os ODS establecen que tódalas persoas, independentemente do seu lugar de residencia, deben ter acceso a recursos hídricos suficientes, seguros e de calidade”, con acceso á auga potable e a sistemas de saneamentos mellorados, reducindo a disparidade entre o rural e o urbano.