Urxe ao goberno a cumprir co compromiso de construír un novo Centro de Saúde nesta localidade
A parlamentaria socialista Paloma Castro esixiulle hoxe á Xunta que garanta a plena dotación de persoal sanitario e recursos para o Centro de Saúde de Arcade – Soutomaior. A responsable socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para esixir unha sanidade “de calidade” para esta localidade e que garanta “o servizo que os veciños e veciñas merecen”.
Castro lembra que neste momento tan só hai 3 prazas de médico, e levan máis de ano e medio sen pediatra, o que deriva nunha “evidente falla dunha prestación sanitaria de calidade para os veciños e veciñas” que, engade, “merecen un servizo digno e en igualdade de condicións” que o resto.
A situación do Centro de Saúde de Arcade é só unha mostra do “abandono en materia sanitaria” por parte do goberno galego, que repercute nunha atención primaria lonxe dos requisitos mínimos. Explica que este centro tampouco dispón de servizos de retinografía nin espirometrías pola falla de salas e de material, ademais de que carecen de sala de probas nin dunha sala específica onde poder atender ás urxencias.
Alertou da situación “precaria” da sanidade pública nun centro que atende a unha poboación de 7.500 persoas, 1.000 delas menores de idade, que só poden ser atendidos baixo cita previa cando teñen a sorte de que o Sergas envíe algún pediatra substituto pola “falla de medios humanos, falla de medios técnicos e falla de instalacións.
Novo Centro de Saúde
Elena Espinosa reclamoulle á Consellería de Sanidade que cumpra co compromiso do anterior conselleiro, que se comprometeu a construír un novo Centro de Saúde no momento no que o Concello cedera unha parcela. Advirte que os terreos xa foron postos a disposición e neste momento están en fase de rexistro, pero “falta a mostra de vontade política por parte do goberno galego, que non incluíu o proxecto nos Orzamentos para o ano 2024.