Acusa á Xunta de retrasar cinco anos as actuacións contra esta substancia canceríxena que ameaza aos 4.000 habitantes do barrio de Contrasto -Porriño-
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou a “pasividade e opacidade” amosadas pola Xunta fronte á contaminación por Lindano no barrio porriñés de Contrasto. Castro presentou unha pregunta na Comisión de Medio Ambiente celebrada hoxe no Parlamento, na que lle esixiu á Xunta que se tome en serio os traballos de análise e descontaminación deste produto canceríxeno prohibido dende os anos 90.
A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que poña a funcionar canto antes a mesa de acción institucional e social, sen convocarse dende 2022, para facer o seguimento do proxecto piloto contratado á empresa Tragsa en 2024, con 5 anos de retraso. Reclamou incorporar a este órgano ás autoridades autonómicas e locais, organizacións da sociedade civil e ecoloxistas, plataformas de afectados, asociacións e representantes científicos e da Universidade.
Paloma Castro esixiulle á Xunta ademais que abra un mapa web “con total transparencia” onde dean conta dos traballos e dos resultados acadados. Urxiu ao goberno galego que abandone a súa estratexia de “pasividade na resposta ante a alta concentración nun territorio galego dunha substancia contaminante que entraña un grave risco para o medioambiente e para a saúde das persoas”.
A parlamentaria socialista explicou que o último foco desta contaminación foi detectado no barrio de Contrasto -O Porriño- no ano 2019, construído sobre a superficie que entre 1948 e 1964 foron distribuídos os residuos deste produto altamente contaminante empregado como insecticida, que foi declarado altamente perigoso nos anos 70 e prohibido nos 90.
Como consecuencia de ser detectado este foco, a Xunta decide participar entón no proxecto europeo Lindanet para unificar esforzos en toda Europa para descontaminar as superficies afectadas.
Sen embargo, non foi ata 2024, cinco anos despois, que a Xunta non cumpre coas obrigas inherentes a esa adhesión e decide encargarlle á empresa Tragsa un proxecto piloto para determinar o grao de concentración de lindano nun tramo de 1 quilómetro e a súa retirada.
Critica os “anos de pasividade” do goberno galego malia o risco para a saúde de milleiros de veciños e veciñas, obviando durante este tempo a súa responsabilidade dentro do proxecto Lindanet. Explica que a Xunta ten obrigas moi específicas de cara á planificación de actuacións encamiñadas a avaliar a situación para unha posterior retirada e informar sobre o mesmo garantindo a transparencia e participación cidadá.