Urxe á Xunta a “que se poña as pilas” na protección e conservación do patrimonio histórico “que corresponde a todos os galegos e galegas”
A vicevoceira do Grupo Socialista Paloma Castro visitou, hoxe, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro xunto ao voceiro socialista no municipio, Adrián Vidal.
“Amosamos a nosa preocupación pola situación de deterioro na que se atopa este parque, de referencia a nivel estatal en arte rupestre e no que podemos gozar dunha recreación dun pequeno poboado da Idade de Bronce que, nestes momentos, se atopa nun terrible estado de deterioro”, denunciou a responsable socialista.
Trala visita ás instalacións do parque, Castro sinalou que a situación é tal que a cabanas “poden ter risco de derrubamento”, polo que instou ao goberno galego a que “controle e fiscalice” a xestión do parque que, na actualidade e ata 2022, está externalizada nunha empresa privada.
“A Xunta non se pode desentender do control na xestión do noso patrimonio histórico, un patrimonio que corresponde a todos os galegos e galegas”, sinalou a socialista cando ademais “temos a sorte de que o turismo comeza a reactivarse” e “é obriga do goberno galego ofrecer visitas con plena seguridade”.
Con todo isto, Castro anunciou que o PSdeG presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a fiscalizar a xestión do parque cando “hai moito investimento público nel” e dado que “non podemos tirar os cartos públicos”.
Finalmente, a dirixente socialista urxiu ao goberno galego a “que se poña as pilas” na protección e conservación do patrimonio histórico “que corresponde a todos os galegos e galegas”.