Critica que o PP rexeite no Parlamento a mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas PO-316 e PO-317 do Grove e á reforma integral do Paseo do Cantiño, na Illa de Arousa
A parlamentaria socialista Paloma Castro denunciou hoxe “o abandono e o castigo” do PP e do goberno galego aos concellos do Grove e A Illa de Arousa, os dous no Salnés e os dous gobernados polo PSdeG. Castro criticou que o PP rexeitara na Comisión de Obras Públicas dúas iniciativas consecutivas que presentou para reclamarlle a mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas PO-316 e PO-317, no Grove, e a reforma integral do Paseo do Cantiño, na Illa de Arousa.
A responsable socialista criticou en primeiro lugar a “incoherencia e hipocrisía” do PP, que rexeitou no Parlamento unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que aproveite o marco de financiamento dos fondos Feder e inclúa a reforma das estradas autonómicas de entrada a O Grove estas actuacións nos Orzamentos de 2025 que eles mesmos apoiaron no Concello.
Castro alertou de que as vías “non acadan cos parámetros mínimos de seguridade viaria” polo desleixo do goberno galego, que leva anos facendo caso omiso ás chamadas de atención do goberno local para que atenda estas estradas de competencia autonómica. Advirte que as dúas estradas soportan un tráfico intenso todo o ano, que se intensifica no verán, cando a localidade chega a triplicar a súa poboación.
A parlamentaria socialista reclámalle ao goberno galego que constrúa unha senda peonil na PO-317 mediante a habilitación de beirarrúas que se adapten á normativa vixente, xa que neste momento están “desfeita”. Tamén pide a renovación do alumeado, en pésimas condicións, e a renovación do firme da estrada.
Tamén pide a humanización da PO-316 no tramo da rúa Luís A. Mestre, incluíndo a renovación dun firme que agora está “desfeito polas fochancas”, así como a reparación das beirarrúas e do alumeado, ademais de cambiar as tubaxes da rúa.
Paloma Castro lembroulle ao goberno galego que ten a competencia das obras de mantemento, conservación e mellora das estadas de competencia autonómica, “concretamente na mellora do firme, da seguridade viaria, de executar sendas peonís e carrís ciclistas, alumeado ou humanización dos tramos que percorren zonas urbanas”.
O Grove
Castro lamentou tamén o voto en contra do PP á proposta para esixirlle á Xunta que execute a reforma integral do Paseo do Cantiño, en A Illa de Arousa, incluíndo un aparcadoiro que permita asumir o maior volume de vehículos posible sen alterar a contorna visual nin medioambiental.
A responsable socialista lembrou que o paseo, un dos lugares máis transitados do Concello, atópase dende hai anos “en moi mal estado”, con “fochancas e buratos enormes” pola falla de mantemento por parte do goberno autonómico dun terreo que é titularidade portuaria. Reclamou unha acción de Portos de Galicia “convencida e facilitadora que nunca chega”, a pesares das chamadas de atención do Concello.
Castro lembrou que a situación do paseo derivou en dous afundimentos no paseo en xaneiro e novembro de 2023, pero criticou que a Xunta se limite a “reparar as avarías puntualmente”, cubrindo os afundimentos pero sen asumir unha actuación integral que resolva o problema definitivamente.
Ademais reclamoulle ao goberno galego que incorpore un aparcadoiro no paseo, ao igual que fixeron nos terreos portuarios de outras localidades galegas. Sinalou que “se a obra é posible técnica e orzamentariamente en Sanxenxo, non vemos motivo para como mínimo non estudar esta posibilidade para A Illa de Arousa”.