Lamenta que a dragaxe do Lérez siga “paralizada” e que da reurbanización de Monteporreiro só se fixese unha fase cando “hai unha década” que prometeron tres
Insta a “todas as administracións competentes” a “poñerse a traballar porque Ence ten que seguir no noso territorio”
A deputada pontevedresa Paloma Castro fixo hoxe balance da xestión política feita no Parlamento durante o primeiro ano desta lexislatura, especialmente das cuestións vinculadas ás súas portavocías e á cidade de Pontevedra e a súa comarca.
Neste marco, a vicevoceira socialista denunciou as “promesas pendentes” do PP na cidade do Lérez cando a dragaxe do río “segue paralizada” ou da reurbanización do barrio de Monteporreiro só se fixo unha fase cando foi “prometida hai unha década” en tres.
Con todo, Castro destacou o traballo realizado polo Grupo Socialista para esixir ao goberno galego determinadas demandas da cidade como “repoñer as baixas” no Centro de Saúde de Monteporreiro, unha “sala de agarda digna” para as mulleres vítimas de violencia de xénero no antigo Xulgado de Parda ou a modificación da situación do Punto de Encontro “por seguridade” para este mesmo colectivo.
Así, lembrou que o PSdeG presionou “a nivel educativo” para evitar o peche da aula de Primaria da Escola Unitaria de Verducido ou que restableceran as tres aulas de Infantil no CEIP Barcelos.
En relación ao proxecto de ampliación do Hospital Montecelo, destacou que o Grupo Socialista pediu “explicacións” sobre o “deserto” proceso de licitación do proxecto execución e esixiu “dilixencia” para garantir un “hospital funcional” e un servizo de “calidade” para que “non pase como, por exemplo, no Isabel Zendal”.
Noutra orde de cousas, pediu á Xunta que cumpra os compromisos acadados como a conservación de Pontesampaio, ou arranxo das estradas de Pontevedra-Marín, Marín-Moaña ou Poio-O Grove, que foron esixidas polo PSdeG na Cámara galega.
En canto ás previsións do novo curso político que comezará en setembro no Parlamento, a socialista avanzou traballará arreo na xestión en materia de residuos.
“Creo que é moi importante implicar os fondos europeos Next Generation nisto” para cumprir coa nova directiva europea, destacou a socialista, quen incidiu en que “é momento de que cidadanía e administracións nos poñamos as pilas para paliar os efectos” que estes producen.
A “POLÍTICA DE DESMANTELAMENTO” DA XUNTA
Doutra banda, a vicevoceira socialista denunciou a “política de desmantelamento” da Xunta con respecto aos servizos públicos fundamentais como a educación ou a sanidade.
É por iso que enxalzou as 333 “medidas reais e factibles” para saír desta crise e reactivar o país que propuxo o PSdeG na Comisión de Reactivación. Malia isto, lamentou, “o rodete do PP utilizouna para facer un lavado de cara e vender, novamente, fume”.
“Non sabemos que fixo Feijóo co diñeiro que recibiu do goberno de España”, censurou a socialista, quen lembrou que o goberno progresista dirixido por Pedro Sánchez transferiu á Xunta máis de 1.200 millóns de euros para paliar os efectos da pandemia.
ENCE, UNHA EMPRESA “MOI IMPORTANTE” EN TODO O TERRITORIO GALEGO
Preguntada pola situación de Ence, a vicevoceira socialista incidiu en que “todas as administracións competentes, empezando pola Xunta, que é que ten as competencias industriais, e continuando polo goberno do Estado e o concello teñen que poñerse a traballar porque Ence ten que seguir no noso territorio”.
Nesta liña, remarcou que “senón sería un fracaso por parte das administracións públicas” dado que é “unha empresa moi importante non só na nosa comarca, senón en todo o territorio galego.
Con todo, Castro censurou a postura da empresa, xa que “é unha tomadura de pelo que poida dicir que en todo o territorio galego non existe unha localización posible para a empresa que non sexa onde está” porque “entón, por esa regra de tres, non podería haber empresas pasteiras en ningún lugar do mundo e todas terían que estar na ría e Pontevedra”.