Esixe á Xunta que garanta a seguridade viaria nas estradas autonómicas xa que “é a súa competencia”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de denunciar a “perigosidade” da estrada autonómica PO-322 en Cerdedo-Cotobade, á altura do lugar da Xesteira. Fíxoo, hoxe, no Parlamento, a través dunha batería de iniciativas para instar ao goberno galego e logo de visitar o lugar xunto aos responsables socialistas do municipio.
Castro lamentou que a veciñanza da parroquia “leva anos denunciando o perigo ao que están sometidos cando transitan por esta estrada”, tanto en coche como a pé. Así, lembrou que o pasado luns se produciu un accidente con varios feridos, e “non foi o primeiro nin, lamentablemente, será o último”.
Así, a socialista destacou que neste tramo conflúen varios factores que incrementan a “perigosidade”, xa que existe unha “escasa visibilidade, ao atoparse o cruce na saída dunha curva moi pronunciada, unha parada de autobuses e unha zona de acceso a distintas vivendas”, ao que hai que sumarlle que o “exceso de velocidade dos vehículos”.
Finalmente, Castro lembrou que as estradas autonómicas “son competencia” da Xunta de Galicia, polo que o goberno galego “ten que garantir a seguridade viaria nestes tramos, así como a seguridade dos veciños e veciñas deste lugar”. “A Xunta ten a obriga de actuar nesta zona para evitar que sigan acontecendo feitos como o desta semana”, sentenciou.