Urxe ao goberno galego a utilizar fondos propios para incrementar a “insuficiente” partida de 200.000 euros destinada a súa conservación e a incluír a “recuperación integral” do inmoble entre os proxectos que optarán aos fondos europeos
A deputada pontevedresa Paloma Castro vén de denunciar, a través da presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia, a “irrisoria” partida destinada pola Xunta para o mantemento do Pazo de Lourizán, en Pontevedra, despois de que anunciase un investimento de 200.000 euros para a súa conservación.
“É unha vergoña e unha tomadura de pelo a todas as pontevedresas e pontevedreses”, incidiu a socialista, xa que “a Xunta, despois de tantos anos incumprindo esta obriga, pretende agora lavar a cara con unha cantidade insignificante coa que non se poderá levar a cabo as labores de conservación”.
Ao fío disto, a responsable socialista pediu á Xunta que “cumpra as súas competencias” e “invista a cantidade necesaria” para realizar a recuperación integral do pazo, xa que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e “ten un alto valor histórico e patrimonial”.
Neste sentido, Castro urxiu ao goberno galego a incrementar esta partida con fondos propios e propuxo incluír a “recuperación integral” do inmoble entre os proxectos que optarán aos fondos europeos Next Generation.
A petición chega despois de que os técnicos do servizo provincial de Arquitectura da Deputación de Pontevedra valorasen, ante o risco de ruína do inmoble, no ano 2019, as “actuacións necesarias e urxentes” en máis de 14 millóns de euros.
Con todo, o ente provincial, lembrou Castro, “leva sete anos trasladando á administración autonómica a necesidade de levar a cabo con urxencia estas labores de mantemento, pero a Xunta fai caso omiso ás comunicacións, incumprindo de modo total o convenio”, xa que “non realizou ningunha actuación de conservación do inmoble principal” e “agora o asunto se atopa nos tribunais, pendente de resolución xudicial”.