Denuncia “a anormalidade” do suspenso xeral nun dos procesos selectivos, o que “consolida a situación de abuso de poder” sobre uns traballadores que levan prestando os seus servizos dende hai máis de 16 anos
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe os atrancos que está a poñer a Xunta de Galicia á hora de axustar á legalidade e de consolidar a situación de traballadores e traballadoras que “levan anos traballando para a administración en situación de abuso”.
A deputada socialista exemplificou esta situación nos resultados do proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 001 do grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta. No segundo exame deste proceso houbo un suspenso xeral, o que “non ten parangón” e “deixa en evidencia tanto o tipo de exame como a vontade da Xunta”.
Tras expresar a súa sorpresa por esta circunstancia, que deixa unhas prazas desertas, Paloma Castro incidiu na “anormalidade” no desenvolvemento dun procedemento que “pretende consolidar a situación de abuso de poder que recae sobre todos estes traballadores e traballadoras”.
A deputada socialista explicou que as persoas afectadas prestaron os seus servizos entre 1998 e 2005 e que, polo tanto, levan como mínimo 16 anos traballando para a administración. Moitos deles ademais tiveron que enfrontarse ao proceso selectivo tras ter unha resolución xudicial na que se lles recoñeceu a condición de laboral fixo. Por iso –e sen faltar aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade- Paloma Castro defendeu que estes empregados xa demostraron durante máis dunha década que cumpren eses principios.
Ao mesmo tempo, reivindicou que o obxectivo do proceso era “adecuar o seu posto á legalidade”, pero o que acontece é “xusto o contrario”. Así, os afectados tiveron que enfrontarse a unha segunda proba de informática “que non semella nin de lonxe o esixido nesta categoría ou, o que aínda é peor, non semella nin de lonxe o utilizado por estes traballadores no seus postos de traballo”.
Nesta liña, a parlamentaria do PSdeG explicou que se trataba dun cuestionario tipo test de 40 preguntas, “tremendamente complexo” e que, malia ser unha proba informática foi un exame teórico con cuestións “moi lonxe dos coñecementos prácticos necesarios para un empregado da administración xeral”.
De feito, “o surrealismo” desta proba chegou ao punto de que a versión do programa informático era diferente da que utiliza dende hai tempo a administración. “Gustaríanos saber se o tribunal designado pensou que estaba a examinar enxeñeiros informáticos”, enfatizou a deputada socialista.
A maiores, Paloma Castro denunciou que “por desgraza non é a primeira vez que neste ano acontece algo similar”. Así, lembrou tamén o proceso de selección para optar a postos de traballadora social, desenvolvido ao inicio deste ano, no que se sucederon as queixas e as impugnacións “porque as preguntas eran imprecisas e non se entendían”.
Fronte a esta situación, Paloma Castro sinalou que, dentro dos obxectivos marcados por Europa en relación ao índice de temporalidade, o Estado está a facer “un esforzo enorme para poder incrementar as OPES e consolidar as prazas existentes”. Tamén se está a lexislar para, dentro da legalidade, poder consolidar a esas persoas que levan anos traballando para a administración en situación de abuso.
Neste escenario, Paloma Castro indicou que “non se entende esta actitude por parte da Xunta de Galicia”. Reclamou medidas para corrixir “as anomalías” neste proceso selectivo e saber se finalmente esas prazas van quedar desertas.