Advirte que “a cidadanía de Vilagarcía tarda máis en chegar ao Grove que a Madrid” con transporte público: “señor conselleiro, a Intermodal pa cuando?”
A parlamentaria socialista Paloma Castro tachou hoxe de “indigno” o incumprimento por parte da Xunta do seu compromiso de facer unha nova Estación Intermodal en Vilagarcía. Castro presentou unha pregunta oral para esixirlle ao goberno galego que deixe de poñer escusas e execute a obra e que mellore as liñas de bus da comarca porque “a cidadanía de Vilagarcía tarda máis en chegar ao Grove que a Madrid”.
Castro esixiulle ao goberno galego que “demostren que gobernan para os 110.000 habitantes do Salnés cumprindo co seu compromiso de construír unha Estación Intermodal”. Lembrou que o Concello conseguiu que Transportes cedera os terreos da Adif que pedía a Consellería de Infraestruturas, pero dende entón deron “a calada por resposta e non volveron a reunirse nin contestar aos requirimentos” de Ravella.
Reclamoulle á Xunta que aposte pola intermodalidade construíndo esta infraestrutura e mellorando o transporte por estrada, mentres non fan “nada” por resolver as carencias no transporte público de Vilagarcía. Criticou que obriguen aos veciños e veciñas dos concellos da comarca a empregar o seu vehículo privado para se desprazar a Vilagarcía a coller o tren “polo mal funcionamento da rede de autobús na comarca do Salnés”.
Ademais, pediulle ao goberno galego que asuma o mantemento do edificio da estación de autobuses de Vilagarcía, que padece dende hai anos “un deterioro evidente” e se atopa nun “estado ruinoso”. Lembra que se trata dun edificio de titularidade autonómica, e que o goberno galego segue sen responder os requirimentos continuos por parte do Concello para que asuma as obras de mantemento e mellore as condicións de seguridade.