Lembra que o ente provincial herdou unha débeda por riba dos 40 millóns de euros da xestión do PP de Louzán” que “agora está a cero euros”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, sinalou hoxe o “exemplo de boa xestión” da Deputación de Pontevedra fronte ao “lastre” da Xunta do PP. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Orzamentos do Parlamento, onde lembrou que o ente provincial “herdou unha débeda por riba dos 40 millóns de euros da xestión do PP de Louzán” que “agora está en cero euros”.
Ao fío disto, Castro destacou que a Deputación de Pontevedra dedica máis do 33% dos seus orzamentos en transferencias aos concellos “e faino con criterios regrados e obxectivos” polo que “non hai un só concello da provincia que poida dicir que é discriminado pola deputación nas achegas que percibe do organismo provincial”.
Así, o vindeiro ano, incidiu, o volume total de recursos do que van dispor os concellos da provincia chega aos 70 millóns de euros, que son “cartos regrados, asignados con transparencia e en base a criterios coñecidos e recoñecidos”.
“Os 600.000 pontevedreses e pontevedresas gobernados polo PSdeG-PSOE e o BNG e os 300.000 gobernados e gobernadas polo PP teñen os mesmos dereitos e oportunidades gracias á Deputación”, sentenciou.
Fronte a esta xestión, censurou a socialista, a Deputación de Pontevedra dirixida polo PP de Louzan “gardaba o 20% dos fondos para libre disposición”. Así, lamentou, “dese caixón de Louzán saíron os preto de 100.000 euros da falsa subvención que se outorgou ao Concello de Moraña para cubrir o desfase nas obras do campo de fútbol de Buelo e que rematou coa condena, pendente de recurso, contra Louzán e a exdelegada da Xunta e exalcaldesa de Moraña”.