Sinala que a Xunta reduce o obxectivo de xeración eléctrica renovable, cunha planificación “desastrosa” do potencial enerxético de Galicia
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, advertiu hoxe que o II Plan Integrado de Enerxía e Clima da Xunta replica o anterior, presentado en 2019, demostrando que “non avanzamos nada”. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Enerxías Renovables, que presentou o dito Plan na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento.
Desmentiu o anuncio do goberno galego apuntando a unhas supostas medidas novidosas cando en realidade mimetizan as que xa tiñan presentado hai seis anos. Afeoulles ademais que presuman da redución de gases de efecto invernadoiro que en realidade proven do peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes.
Advertiu que o PP é “o principal responsable” da mala planificación do potencial enerxético de Galicia e da paralización do sector eólico ao manter o mesmo Plan Sectorial Eólico dende o ano 1997. Este Plan mantense á marxe da normativa comunitaria se desenvolveu nos últimos 28 anos, e padece unha Lei do Sector Eólico que suma 13 modificacións en 15 anos, que non impediron a paralización xudicial de preto de 80 parques eólicos pola falta de sustentabilidade ambiental.
Subliñou que a planificación do potencial enerxético de Galicia “é un desastre” provocado polo “caos, a inseguridade xurídica, transitoriedade insoportable e falta dunha estratexia definida e rigorosa de transición ecolóxica e de desenvolvemento eólico” por parte do goberno galego. Dixo que os bandazos da Xunta teñen provocado que Galicia perdera a oportunidade dos fondos de recuperación para superar o descenso progresivo de actividade industrial.
Lamentou a falla de avances de cara a un modelo enerxético baixo en emisións, que coincide coa paralización do desenvolvemento eólico, a falla de impulso ao I+D+i en enerxías do mar ou o escaso desenvolvemento e modernización das redes de transporte e distribución de electricidade ou gas.
Castro reclamou claridade e seguridade no desenvolvemento eólico, un novo modelo de xestión de residuos que priorice dunha vez a reciclaxe fronte á incineración e o vertedoiro, que incrementen a protección da biodiversidade e os ecosistemas naturais, presenten iniciativas para preparar a Galicia fronte ao cambio climático, garantan o coidado do mar e acaden maior implicación social.