A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, fixo un chamado ao diálogo como “única vía” para garantir a continuidade de Ence en Galicia, dándolle seguridade aos postos de traballo. Así o dixo no debate dunha proposta do BNG no Pleno do Parlamento na que os socialistas galegos presentaron unha emenda para pedir unha Mesa de diálogo con tódalas partes, que foi rexeitada polo BNG, polo que os socialistas se abstiveron na iniciativa.
A responsable socialista propuxo transaccionar a proposta do BNG, que “esqueceuse de incluír ao Concello de Pontevedra na Mesa de Negociación sobre o futuro de Ence”, pero os nacionalistas galegos rexeitaron o acordo.
Castro denunciou a “conivencia do PP” coa empresa “nun claro exercicio de chantaxe e manipulación”, utilizando a “incerteza xurídica” na que se atopa a pasteira “para facer política” en contra do goberno socialista. Explicou neste sentido que a incerteza sobre a continuidade da factoría deriva da “prórroga chapuceira concedida por Rajoy cando estaba en funcións” e non da Lei de Cambio Climático.
Reclamoulle á Xunta que “deixen de botar balóns fora” aludindo ás recentes entrevistas dos vicepresidentes 1º e 2º da Xunta, que falaban do peche en terceira persoa, dicindo que o peche “é unha decisión empresarial que queda fora da competencia autonómica”.
Esixiulles que “se poñan a traballar para darlle un futuro a Ence no noso territorio, un futuro para todos eses postos de traballo e para a economía galega”, logo de “12 anos sen exercer as competencias exclusivas en industria e desenvolvemento económico do territorio”.
Lei de Cambio Climático
A parlamentaria socialista amosou a súa sorpresa pola incorporación por parte do BNG dunha autoemenda á proposta debatida hoxe na que piden modificar erroneamente “o artigo 18.4 da Lei de Costas” (sic), que “non está en sintonía coa parte expositiva” da iniciativa. Ratificou o seu apoio á economía costeira, pero “con propostas serias, non con emendas feitas a correr que por outra banda teñen difícil encaixe constitucional”.
A responsable socialista ratificou o “absoluto compromiso do PSdeG co sector mar – industria, por iso non imos apoiar ningunha iniciativa que vaia contra da economía da nosa costa ou cadea de valor do sector mar – industria alimentario, que é para nós esencial, tanto económica como culturalmente e que forma parte da nosa identidade”.
Castro afeoulle ao PP neste sentido que “pretendan sinalar ao artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático, cando saben de sobra que se a prórroga fora concedida cumprindo a legalidade, a aprobación da Lei de do artigo non influirían para nada na concesión”. Sinalou que “coñecen de sobra que a irretroactividade das disposicións desfavorables é un principio constitucional, e polo tanto non afectaría á concesión da pasteira”.
Problema xurídico
Urxiu á Xunta a buscar “opcións para o caso en que a xustiza invalide a prórroga”, e acusou ao PP de aproveitar a vulnerabilidade de persoas que vén en perigo os seus postos de traballo para atacar ao goberno de España, cun “discurso totalmente falaz” para “xerar un conflito social no noso territorio”. Sinalou que o PP “minte” porque “tanto vostedes como a empresa saben que o problema de Ence é xurídico”.
Dixo que unha Lei impulsada por Aznar impedía a permanencia de Ence na ría, e o PP “sabe isto dende o ano 2003, e por iso no seu programa electoral de 2009 falaba do compromiso co traslado de Ence dentro da comarca de Pontevedra”, en 2011 o seu candidato para a cidade, Telmo Martín, pedía un emprazamento alternativo, e en 2012 mantiñan no seu programa electoral a “aposta para que Ence abandone o seu actual emprazamento”.