Sinala que “os nenos e nenas destas localidades tamén teñen dereito a ter pediatra”
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe á Xunta de “tomarlle o pelo” aos 3.500 veciños e veciñas de Fornelos de Montes e de Pazos de Borbén, que van seguir sen pediatra levan 6 meses de que a anterior titular do cargo cesara no seu posto no Centro de Saúde de Fornelos. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que o xerente do Sergas confirmou que seguirán sen substituto.
A responsable socialista alertou de que “non podemos ter cidadás de primeira e de segunda”, e subliñou que os nenos e nenas de Fornelos e de Pazos tamén “teñen dereito a ter pediatra”, pero denunciou que polo desleixo do goberno galego terán que seguirse desprazando ata Redondela para ter atención médica.
Castro esixiulle á Xunta que atenda ás demandas da cidadanía destas dúas localidades, que levan medio ano pelexando para ver restituído o seu dereito a través de protestas públicas e por medio dos gobernos municipais. Lembrou que tanto o alcalde de Fornelos, o socialista Emiliano Lage, coma o rexedor de Pazos de Borbén, teñen presentado unha moción conxunta nos plenos dos dous concellos e acompañaron á veciñanza nas manifestacións demandando a reposición do servizo.
Lamentou que o alcalde de Fornelos “xa non pode petar máis nas portas da Xunta para pedirlles unha solución”, logo de manter varias xuntanzas co xerente da Área Sanitaria de Vigo para pedirlle a lo menos asistencia pediátrica un día á semana por medio dun pediatra adscrito a outro centro. Sen embargo, o goberno galego optou por botar “balóns fora” a través de promesas baleiras que a día de hoxe seguen sen resolver.
Criticou que “ao goberno galego éncheselle a boca cando fala da necesidade de repoboamento do rural, e logo priva de servizos básicos aos galegos e galegas que deciden vivir en concellos rurais pequenos”.