A viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro criticou hoxe a “actitude” da Xunta con respecto a Ence, “secundando á empresa e pechándose en banda á posibilidade de buscar un plan B dentro da legalidade, que a día de hoxe pasa polo traslado a unha nova ubicación”. A responsable socialista interveu no debate dunha iniciativa neste sentido que tivo lugar no Pleno do Parlamento celebrado hoxe.
Paloma Castro lembrou que o secretario de Estado acadou na última mesa de diálogo o compromiso de que o goberno central asumira o custe dun informe obxectivo para atopar posibles emprazamentos dentro de Pontevedra. Este informe foille encargado á Universidade de Vigo, que ofrecerá as súas conclusións en 3 meses, co que “sácalle as cores ao goberno galego demostrando a súa inacción e a falla de interese para garantir a continuidade da pasteira en Galicia”.
Sinalou que “novamente o goberno de España da mostra da súa vontade de acadar unha solución a este conflito, mentres a Xunta demostra “falla de vontade” para a continuidade da pasteira. Dixo que “Ence ten que quedar aquí, pero cumprindo a Lei”, e emprazou a aproveitar a oportunidade que abren os fondos europeos, “que poderían servir para facer unha fábrica moderna, sostible, que non se limite a ser unha fábrica de papel, senón que acabe o ciclo”.
A responsable socialista presentou unha emenda á proposta para pedirlle á Xunta precisamente que asuma o contido deste informe, ademais de aproveitar as ubicacións para impulsar un gran proxecto industrial do sector forestal galego, estudando ademais accións de rexeneración, restauración e reordenación dos terreos ocupados actualmente pola pasteira. A emenda foi rexeitada durante o debate da iniciativa presentada polo BNG, que sen embargo os socialistas votaron a favor.
Aquela iniciativa dirixíase a encetar a mellora paisaxística e ambiental dos terreos da pasteira antes de coñecer o resultado do proceso xudicial, que declarou ilegal a prórroga concedida á pasteira polo goberno de Rajoy en funcións. Sinalou que “estamos a favor do que piden, pero antes hai actuacións prioritarias” e emprazou a manter a cautela “porque neste momento temos unha sentenza que no é firme e está sendo obxecto de recurso”.
Despropósito e engano
Castro cualificou de “despropósito” que o goberno galego continúe “enganando e secundando á empresa” cunha estratexia “negacionista para os retos industriais” de Galicia e cunha actuación que “limítase a encargar informes de parte que reafirmen os da empresa, amparándoa sen pensar para nada no futuro dos traballadores”. Reclamoulles que “deixen de enredar e de perder o tempo” e traballen para acadar alternativas viables.
Sinalou que a súa proposta de integrar á pasteira na Autoridade Portuaria de Marín constitúe unha “vía morta” xa explorada en 2005 e rexeitada polo Ministerio de Fomento por ir en contra da Lei de Réxime Económico e Prestación de Servizos nos Portos de Interese Xeral, e que conta con 5 informes negativos. Critica que lle teñan encargado ao Consello Consultivo un “informe a medida” que responde cunha “manobra que constitúe un claro fraude de lei”.
Alertou de que “nos atopamos nunha situación esperpéntica” na que “por primeira vez un sindicato de traballadores branquea a unha empresa que pretende pechar e deixalos na rúa, e que dirixe a presión contra as administracións local e estatal, dispostas a acadar solucións malia carecer de competencias. Sinalou que “mentres tanto amparan á Xunta, a única con competencias en materia de industria pero que “está con toda impunidade a mirar cara outro lado”.