O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, urxiu hoxe á Xunta a declarar BIC os bens mobles incluídos dentro do Pazo de Meirás, o que é “o máis sinxelo, razoable e axustado a legalidade”, ademais de que poden rematar co proceso “en cuestión de días”. Arangüena presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que acusou a Feijóo de “marear a perdiz” desprazando a iniciativa ao Estado.
Explicou que a Xunta ten competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia, ademais de que foi este Executivo o que declarou BIC o inmoble no ano 2008 a iniciativa do goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, polo que “semella coherente que sexa de novo a Xunta quen estenda a declaración aos bens mobles incluídos no Pazo”. Dixo que o Pazo “non está adscrito aos servizos do Estado nin forma parte do patrimonio estatal”.
Criticou que “seguen vostedes xogando a facer que fan sen facer, ou que non queren cabrear a parte da súa base electoral que votaría a Vox en Galicia se tivese escusa e ocasión para facelo, ou simplemente non queren traizoar as súas orixes”. Acusou ao conselleiro de Cultura de poñer a escusa de ter dificultades para falar co Secretario de Estado, antes de que recoñeceza que onte mesmo tivera unha chamada do goberno que non puidera atender.
O responsable socialista ofreceulle ao conselleiro “saír agora mesmo e chamar ao secretario de Estado”, para constatar que “non van ter un atisbo de estorbo ou atranco do goberno do Estado recuperar os bens mobles”.
aExplicou que o proceso xudicial para a recuperación do Pazo está a ser “rotundamente un éxito dun goberno progresista comprometido coa memoria democrática”. Foi o Estado o que presentou “unha demanda de enorme complexidade”, recuperou o Pazo, recorreu o que había que recorrer, e evitou que os Franco limpen Meirás, mentres o goberno galego “o único que fai é dicir que a declaración BIC dos mobles ten que facela o Estado”.
Iniciativa
Arangüena reivindicou a iniciativa do goberno socialista para declarar BIC este inmoble en 2008, cando Feijóo se opuxera daquela coa explicación peregrina de que Meirás “non era un pazo, senón unha torre”, evidenciando que “se fora por el o Pazo de Meirás seguiría nas mans dos Franco”. Sen embargo, o que si fixo en 2011, lembrou, foi chegar a un acordo coa Fundación Franco para abrir o pazo 4 días ao mes e permitir que “durante anos fixeran apoloxía da ditadura”.
Lembrou que “a nosa traxectoria e actitude neste tema foi sempre oposta ao PP”, e lembrou que, segundo recoñece a sentenza, o PSOE presentara unha proposta xa en 1978 para a restitución do Pazo ao seu lexítimo dono e a súa conversión en futura sede do goberno autonómico.