Alerta de que “estamos ante unha situación grave e reiterada nos últimos anos”, que tamén está a afectar á ría de Ferrol
O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, criticou hoxe a negativa do PP a apoiar a proposta do PSdeG para que a Xunta deseñe e implemente un plan integral para eliminar contaminación no río Xuvia e os seus afluentes. Arangüena realizou esta petición hoxe a través dunha proposición non de lei debatida na Comisión de Medio Ambiente no Parlamento e mediante a cal puxo de manifesto os recorrentes casos de vertidos que afectan a ese río.
“Estamos”, afirmou Arangüena, “ante un claro exemplo da desprotección da Rede Natura máis pequena de España, a enorme distancia do resto das comunidades autónomas en canto á superficie protexida, e do problema xeral de contaminación que afecta aos ríos galegos”. Así incidiu en que, malia que o río Xuvia está incluído na Rede Natura, segue recibindo “un nivel de contaminación inaceptable por parte de empresas que teñen en demasiados casos vinculacións co PP, e vostedes non fan absolutamente nada”.
Ao fío disto, Pablo Arangüena sinalou que o voto en contra do PP a esta proposición non de lei “é un auténtico escándalo”. “Demostra, en primeiro lugar, que a vostedes lles dá igual a contaminación e que, en segundo lugar, lles dá igual a protección da Rede Natura máis pequena de España”, criticou.
Na súa intervención, o deputado socialista advertiu que “estamos diante dunha situación grave, reiterada ao longo dos anos” e que se traduce en diferentes episodios de contaminación no Xuvia. O último deles, en febreiro deste ano, foi un vertido con cheiro a hidrocarburos que foi atribuído á depuradora das Somozas, “que arrastra problemas crónicos de funcionamento”.
Ante esta situación, que xa rexistrara casos previos en 2021 e 2019, os alcaldes de As Somozas, Moeche, San Sadurniño, Narón e Neda –de diferentes partidos políticos, incluído o PP- denunciaron en marzo que a situación de contaminación agravouse no último ano trala entrada en funcionamento de dúas canteiras situadas no curso alto do río, en As Somozas. Chegaron a falar incluso dunha “nova ameaza para a saúde” do cauce fluvial, así como de posibles “verteduras industriais incontroladas”.
Arangüena explicou que as canteiras ás que se culpa operan cunha autorización da Xunta baseada nun informe de impacto ambiental de 1996. Por iso, os cinco concellos afectados reclaman que esas canteiras “cumpran a lexislación en vigor a día de hoxe”. Din ademais que o vertido de febreiro súmase “a outros padecidos na zona a cada pouco desde tempo atrás, e que son unha ameaza gravísima para unha zona de especial conservación incluída na Rede Natura 2000”.
Nesta liña, tal e como sinalou Pablo Arangüena, os cinco concellos instaron á Xunta e Augas de Galicia a “actuar de inmediato en materia de vixilancia e control da calidade das augas” e afirmaron que descoñecen se se detectaron sustancias contaminantes no río nos últimos anos ou se houbo algunha denuncia formal ou sanción por parte de Augas de Galicia.
Ao mesmo tempo, Arangüena alertou das consecuencias que están a ter tamén para a ría de Ferrol, onde desemboca o Xuvia. De feito, advertiu que “esta ría está afectada por un problema de caída drástica da produción marisqueira”. Nela chegaron a mariscar máis de 600 persoas pero “hoxe está baixo mínimos e non chegan a 70 persoas as que poden mariscar dun xeito esporádico e insuficiente para obter un mínimo de subsistencia”.
O deputado socialista explicou que a situación deteriorouse ata tal punto nos últimos tempos que os patróns das 3 confrarías da ría calcularon nun 90% o descenso da produción de ameixa e alertaron de que “a propia supervivencia do marisqueo na ría está en cuestión”. Por iso, “levan xa demasiado tempo solicitando que se faga un estudio integral para saber o que pasa na ría”.
Ademais, malia que a Xunta atribúe a caída da produción marisqueira a un parasito, Pablo Arangüena sinalou a existencia dun estudo que indica que a causa real aínda non se coñece. Polo tanto, alertou de que “esta situación ben podería ter relación coa contaminación do río Xuvia ou cos arredor de 30 puntos contaminantes de vertido detectados na ría o ano pasado por Augas de Galicia”.
Neste contexto, recollendo as diferentes posturas que alertan da contaminación no río Xuvia e na ría de Ferrol, Pablo Arangüena instou ao goberno galego a elaborar ese plan integral para eliminar a contaminación no río Xuvia e os seus afluentes.
De maneira concreta, reclamou que se identificasen as causas dos vertidos e que se aplicasen as medidas de prevención e sanción contempladas na lexislación, obrigando a calquera empresa a cumprir con rigor a normativa medioambiental e facilitando que os concellos da contorna melloren os seus sistemas de depuración de augas.
Arangüena criticou que o PP se negase a apoiar esta iniciativa “mentres centos de troitas morreron pola contaminación nese río en setembro do ano pasado” e cando os alcaldes de 4 partidos, un deles do PP, emitiron un comunicado instando á Xunta e a Augas de Galicia a actuar. Resaltou ademais que os bañistas non poden bañarse na área recreativa do Pedroso “polo nivel de contaminación” e que os mariscadores das 3 confrarías da ría que din que a situación é literalmente “desesperada” pola redución do marisqueo ante a pasividade da Xunta.