O vicevoceiro parlamentario instou á Xunta a elaborar unha estratexia galega para súa conservación e mellora, proposta á que se opuxo o Partido Popular
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, lamentou hoxe o negacionismo do Partido Popular ante o “retroceso acelerado” que están a sufrir os bosques autóctonos en Galicia. Fíxoo na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento, onde defendeu unha proposta para reclamarlle á Xunta a posta en marcha dunha estratexia galega para a súa mellora e conservación que inclúa a correspondente dotación orzamentaria. O PP votou en contra desta proposición non de lei, o que para Arangüena supón que os populares se poñen “unha venda nos ollos para non ver a realidade”.
Na súa intervención, Pablo Arangüena explicou que esa estratexia de defensa do bosque autóctono debería ter tres obxectivos. O primeiro pasaría por crear unha rede de bosques autóctonos distribuída por todo o territorio. Para iso, Pablo Arangüena avogou pola conservación, a progresiva mellora e a posta en valor dos bosques xa existentes ou pola creación e acondicionamento de novas masas mediante a adquisición de terreos e plantación de árbores naqueles lugares que carecen delas.
Por outra banda, o vicevoceiro socialista reclamou que se fomente a plantación de especies autóctonas por parte dos propietarios forestais, así como que se incentive con axudas o mantemento dos bosques autóctonos existentes. Neste caso, solicitaba que se lle prestase especial atención aos soutos, que na actualidade contan cunha partida orzamentaria “minúscula”
A maiores, a estratexia debía incidir na conservación e mellora dos bosque de ribeira ou na activación de actuacións de concienciación e educación no valor dos nosos bosques. Nesta liña, o parlamentario do PSdeG tamén apostaba polo fomento dunha silvicultura sostible e responsable que contemple a diversificación de especies, usos e rendemento do monte.
Pablo Arangüena salientou a importancia de defender os bosques autóctonos polos grandes beneficios que teñen dende o punto de vista ambiental, social, económico ou paisaxístico. Porén, alertou do “retroceso acelerado” que están a sufrir na actualidade, malia seren “o instrumento máis importante, barato e efectivo do que dispoñemos para frear o cambio climático, a maior ameaza ecolóxica, económica e social á que nunca se enfrontou a humanidade”.
Neste contexto, e aínda que Galicia produce a metade da madeira que se corta en España, advertiu de que “hai que diferenciar claramente o concepto de bosque de plantación” e sinalou que as plantacións de eucaliptos que proliferan no país “non son bosques nin teñen outra función que a económica, que tampouco hai que desbotar”.
Por iso, Arangüena fixo un chamamento a “equilibrar valores, dereitos e intereses moitas veces contrapostos” e a conciliar a economía co medio ambiente para situar a defensa, conservación e mellora dos bosques autóctonos no centro das prioridades das políticas públicas, “en liña co dereito constitucional a un medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa”.
Así, incidiu en que “non sería esaxerado falar dun dereito ao bosque”, do cal “se está a ver privado gran parte da cidadanía galega pola dificultade de atopar un bosque nun estado de conservación minimamente axeitado no seu entorno máis inmediato”.
Nesta liña, Pablo Arangüena avogou por un cambio de política forestal de maneira paralela á creación dunha rede pública de bosques autóctonos, que “pode contribuír a crear espazos de esparexemento e desfrute da natureza e producir un gran beneficio ambiental e social cun moi escaso investimento de recursos públicos”. “Plantar árbores ou conservar as xa existentes”, proclamou, “é moitisimo máis barato que crear infraestruturas a base de cemento”.
O deputado do PSdeG puxo como exemplo o modelo seguido en Cataluña onde existen máis de 150 bosques “intocables” ou os estados europeos, onde “protexen unha media do 5% do seu territorio como zonas boscosas que non se poden tocar ou, se se tocan, hai que facelo dun xeito sostible e respectuoso coa biodiversidade”. “En troques”, lamentou, “en Galicia hai unha gran superficie forestal, pero moi pouco bosque oficialmente protexido e, moito menos aínda, ben conservado”.
Neste sentido, puxo o acento a situación das Fragas do Eume, “un parque natural en teoría protexido”, no que bosque autóctono neste espazo so ocupa un 32% na actualidade fronte ao 40% que ocupaba cando ano no que se creou o parque. Ata tal punto, lembrou Arangüena, que a propia Sociedade Galega de Historia Natural “ironizou dicindo que habería que cambiarlle o nome polo de parque natural do Eucaliptal do Eume”.