Lamenta que a primeira tarefa de Feijoo como líder do PP nacional sexa tapar o presunto caso de corrupción do irmán da presidenta da Comunidade de Madrid, o que o “inhabilita radicalmente” para falar desta materia
O deputado socialista Pablo Arangüena evidenciou hoxe que o goberno galego segue sen dar resposta ás numerosas deficiencias denunciadas nun informe do Consello de Contas en materia de loita e control da corrupción no eido da administración autonómica. Así o dixo na Comisión Institucional do Parlamento, onde evidenciou que a Xunta leva máis dunha década perdida mentres “en Galicia se suceden os casos de falta de transparencia e de ética ou mesmo de corrupción”.
Ao mesmo tempo, admitiu a súa estupefacción polo feito de que a Xunta se considere “referente” neste eido. “Referentes onde? No Estado, no mundo, na galaxia ou no universo?”, ironizou Arangüena tras reclamar que dunha vez por todas se adopten medidas para corrixir as eivas detectadas “porque defendemos que é fundamental que tanto as administracións como as persoas que exercen a política se comporten dun xeito ético”.
Neste escenario, Pablo Arangüena iniciou a súa intervención remarcando o paradoxo de que hoxe “esteamos falando do control da corrupción por parte da Xunta” cando “o novo papel de Feijoo no PP derívase dun clarísimo caso de corrupción”. Nesta liña, lamentou que, precisamente, “a primeira tarefa que ten por diante Feijoo sexa a de tapar” o presunto caso de corrupción do irmán presidenta da Comunidade de Madrid.
En referencia a este asunto, o deputado socialista subliñou que “a inocencia política hai que demostrala cada día”. Por iso, “podo afirmar, sen temor a equivocarme, que calquera aparencia de inocencia política da señora Ayuso quedou esnaquizada por este caso e que a inocencia política de Feijoo, no suposto de que lle quedase algunha, tamén saíu moi mal parada”.
Así, evidenciou que “ninguén vai ser capaz de explicar razoablemente” cal é o concepto polo que o irmán de Isabel Díaz Ayuso cobrou 283.000 euros dunha empresa que pertencía a un amigo da familia e que obtivo un contrato de emerxencia. E tampouco pode haber explicacións, remarcou, aos outros 23 contratos que a presidenta da Comunidade de Madrid outorgou a empresas vinculadas con amigos ou familiares seus.
“Feijoo”, proclamou Arangüena, “vai a Madrid a tapar todo iso, a botarlle terra enriba”, o cal “o inhabilita radicalmente para falar sequera de combater a corrupción”.
Pablo Arangüena lembrou que –“co PP acosado en Galicia e no resto do Estado por diversos casos de corrupción”- en 2014 aprobouse un código ético para a administración autonómica. Ademais, un ano despois anunciáronse diversas medidas de control e transparencia. Con todo, “tanto exercicio propagandístico non valeu de moito” porque pouco despois afloraron numerosos casos, algún deles “escandaloso”, como o da exconselleira de Medio Ambiente que foi fichada por unha empresa á que beneficiou con modificacións normativas na súa etapa de goberno.
A maiores, enumerou outros casos, como o que rematou coa condena do expresidente da Deputación de Pontevedra e a exdelegada da Xunta nesa provincia, a investigación no Centro Tecnolóxico da Carne, a presencia dunha destacada militante do PP no comité ético da Domus Vi ou a entrada en Sargadelos da parella de Feijoo pouco despois de que a Xunta entrase no consello de administración desta empresa.
“Por non falar”, engadiu, “de que o exsecretario xeral do PP de Galicia, Pablo Crespo, foi condenado non hai moito a 15 anos de prisión, ademais dos 37 que xa tiña polo caso Gürtel”.
Neste contexto, Pablo Arangüena defendeu que a prevención e loita contra o fenómeno da corrupción –“expresión máxima da falla de ética”- non pode deixarse exclusivamente en mans dunha administración de Xustiza “lastrada por unha crónica falta de medios e que reacciona con posterioridade á comisión das conductas potencialmente delituosas”. Ese control, proclamou Arangüena, “debe partir das propias administracións públicas”, sobre todo cando a crise económica asociada á pandemia e os plans de reconstrución financiados con fondos europeos e a débeda pública impoñen “a necesidade dun maior control no uso dos recursos públicos, escasos por definición”.
Porén, o parlamentario do PSdeG advertiu que o goberno galego segue sen subsanar as deficiencias que ten neste eido e que foron criticadas pola súa lentitude e falta de ambición nun informe Consello de Contas. Entre esas eivas está, por exemplo, que se descoñeza o grao de cumprimento do Código Ético anunciado por Feijoo no ano 2014 ou que aínda haxa “moito camiño por percorrer” na avaliación dos posibles riscos de corrupción -para o que a Xunta carece dun procedemento normal- e no establecemento dun órgano que poida realizar tarefas de avaliación, de control e de resposta ante os posibles incumprimentos.
Finalmente, reclamou avanzar na regulación dos grupos de control (lobbys) e aumentar a información que se ofrece sobre as axendas dos altos cargos.