Os viceportavoces do Grupo Socialista Pablo Arangüena e Paloma Castro compareceron hoxe publicamente para esixirlle a Feijóo que “faga dimitir” ao alcalde de Vilanova logo de ter reincidido nas súas descualificacións “machistas e clasistas” contra a presidenta da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Vigo polas que fora condenado penalmente.
Pablo Arangüena sinalou que “o alcalde de Vilanova debe dimitir, e como non o vai facer, reclamámoslle ao señor Feijóo que en lugar de amparar vergoñentamente a ese individuo e facerse cómplice dos seus insultos, o faga dimitir”. Sinalou que do contrario “vaise demostrar que quen manda no PPdeG é a sección Vox, que di impunemente as maiores barbaridades” de forma conveniente para Feijóo “para telos dentro do PP e non fora como competidor político”.
Subliñou neste sentido que “o PP de Galicia está converténdose nunha escola galega de trumpismo, con descualificacións persoais cada vez máis grosas, campañas de desinformación sistemáticas e fake news en cada sesión deste Parlamento”. Lamentou que os “referentes municipais” do PP en Galicia sexan o alcalde de Vilanova, “ou o señor Jácome en Ourense”, logo de insultar ao portavoz socialista, Rafa Villarino.
Pablo Arangüena fixo un chamado a “non permitir que se degrade a linguaxe política, porque permitindo o insulto e a descualificación estamos abríndolle a porta a algo que non é democracia”. Sinalou ao presidente da Xunta e do PP que “se necesita volver ao Vaticano a que lle expliquen que se pode pecar por acción e por omisión, de palabra e de acto, que volva a que llelo expliquen, e que leve con el a ese individuo que é alcalde de Vilanova.
Sinalou que as últimas declaracións do alcalde de Vilanova “reafirmando o que dixo e redoblando a aposta” en realidade sinala que “non respecta as normas, que non soamente insulta e falta ao respecto, senón que tampouco acata as sentenzas xudiciais e as regras de xogo democrático, que pasan por non insultar nin descualificar”. Engadiu que “insulta e descualifica quen carece de razóns e de argumentos” e recomendoulle que “se dea de baixa no PP e se afilie a Vox, para non confundir ao electorado”.
Argumentos pediátricos
A viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro lamentou os argumentos “febles e pediátricos” do presidente da Xunta para defender esta semana as novas descualificacións do alcalde de Vilanova. Lembrou que esta situación deixa a altura ética do PP “baixo mínimos”, especialmente cando estes ataques machistas son reiterados, en alusión ao alcalde de Valga, que chamou “tortilleiras” ás concelleiras socialistas sen que tampouco fora cuestionado por Feijóo.
Castro advertiu de que “a igualdade non pode ser unha arma política”, e sinalou que “non se pode insultar aos rivais políticos”. Situou estas descualificacións no feito de que “o PP non asume de que os gobernos tanto da principal cidade de Galicia, que é Vigo, como da Deputación de Pontevedra estean dirixidos polo PSdeG.
Emprazou finalmente ás deputadas do PP a manifestarse diante destes “ataques machistas”, e reclamoulles unha condena destes feitos e contra unha conduta “non só moral, senón tamén xudicialmente condenable”.