Alerta sobre un posible “desequilibrio social” na Eurorrexión pola puxanza en competitividade da rexión norte do país veciño: “mentres o norte de Portugal medra, Galicia está quedando atrás”
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, avogou hoxe por “reforzar” a cooperación transfronteiriza con Portugal e alertou da inacción da Xunta ante o “dinamismo económico” da zona norte do país veciño que, dende 2010, “está absorbendo economía produtiva galega en forma de centos de empresas que se deslocalizan total o parcialmente”.
Ocorreu hoxe, na Comisión Institucional do Parlamento de Galicia, trala comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para informar das previsións do Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) 2021-2027.
“O norte de Portugal esta coméndonos as papas”, sentenciou o dirixente socialista, que malia mostrar a súa ledicia porque “lle vaia ben ao país veciño”, o norte de Portugal “está deixándonos atrás en moitos aspectos”, xa que como rexión “forte e dinámica” capta inversión “e non a deixa escapar, como facemos nós en Galicia”.
Nesta liña, destacou que “o problema non é de soberanía, senón de bo goberno ou mal goberno”, tendo en conta que “a competitividade non é unha cuestión de capricho” e que “mentres o norte de Portugal medra en competitividade, Galicia está quedando atrás”.
O NORTE DE PORTUGAL, “POLO DE ATRACCIÓN DE EMPRESAS E CAPITAL”
De feito, incidiu en que o norte de Portugal se consolidou como “polo de atracción de empresas e capital e unha zona de alto crecemento económico”. “Vai tan rápido que xa igualou a Galicia en PIB”, o que deixa ver, asegurou, que “están facendo as cousas moito mellor ca nós en moitos termos”.
Así, Arangüena destacou que Portugal está escalando posicións no ránking de competitividade interrexional da Unión Europea, mentres Galicia “perde posicións”, segundo indica o último informe publicado. Neste sentido, lembrou que, especificamente en materia de innovación, mentres a nosa comunidade está na posición 190 da clasificación internacional, o norte de Portugal ocupa o posto 100.
Con todo, sinalou que “o éxito de Portugal non é negativo para Galicia, na medida en que a economía non é un xogo de suma cero no que gaña un e outro perde”, xa que “pode ser un xogo no que gañe un e o outro, polo menos, non perda; ou incluso gañe”.
O RISCO DE XERAR UN “DESEQUILIBRIO SOCIAL” NA EURORREXIÓN
Neste sentido, o voceiro socialista valorou as “complementariedades” entre ambos países, pero instou ao goberno galego a frear a migración de empresas ao país veciño. “Carecemos da capacidade de atraer e fixar economía produtiva que si ten Portugal”, lamentou, que se orixina, “en parte, por motivos estruturais”, como polo menor coste da man de obra, pero tamén por outros que “poderían evitarse tomando conciencia do problema”.
“Cada vez máis galegos desprázanse ao norte de Portugal a traballar e cada vez ocorre menos á inversa”, xa que “cada vez Portugal capta máis inversión e Galicia, menos”. E este “desequilibrio” en dinamismo económico e competitividade entre as dúas rexións, alertou, “esta poñendo as bases para un desequilibrio social” na Eurorrexión.
U-LOS “RESULTADOS” DO PLAN DE INVERSIÓNS CONXUNTAS 2014-2020?
Por último, Arangüena censurou que a Xunta elaborase un novo plan de inversións conxuntas da Eurorrexión con novas prioridades e eixos estratéxicos “sen avaliar o plan anterior” previamente, o cal “carece de sentido” ao descoñecer o “resultado” que xerou o plan 2014-2020.
“Non pode virse aquí a vender un novo plan 2021-2027 cando no se avaliou nin se debateu o resultado do plan 2014-2020”, concluíu o voceiro socialista.