Cualifica o texto legal de “atrapallado”, “baleiro de contido” e “impreciso” en canto a obxectivos e medios
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de criticar a Lei Reguladora de Acción Exterior e Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia, xa que “afronta a política exterior entre inmobilismo, autocompracencia e unha visión extremadamente burocrática propia do século XX”. Fíxoo hoxe trala aprobación da citada lei cos votos a favor do PP e cos votos en contra de PSdeG e BNG.
“Estamos ante unha norma atrapallada, moi extensa (108 artigos) e que abonda en cuestións kafkianamente burocráticas e declaracións tan extensas como baleiras de contido”, sinalou o socialista, quen subliñou a “imprecisión” en canto aos obxectivos e medios do texto.
Arangüena lamentou que a lei evite contemplar a regulación da acción de promoción económica no exterior “máis alá de obxectivos evidentes como atraer investimento estranxeiro”, que entende “moi loable, se non fose porque Galicia é sistematicamente, ano tras ano, unha comunidade que recibe moitísimo menos investimento directo que a media do estado”.
Así, destacou que en 2019, Galicia só captou 112 millóns de 14.792, o que supón, “menos do 1% do total, cando o seu peso no PIB e na poboación do conxunto do estado supera o 5%”.
Nesta liña, o responsable socialista censurou a “falla de inversión no estranxeiro”, así como “a ausencia de medidas para mellorar a competitividade internacional” de Galicia. Ademais, incidiu en que o IGAPE “é un desastre tanto na promoción exterior de Galicia como na captación de investimento estranxeiro”.
“Como vai captar Galicia inmigrantes especializados cando a xuventude mellor preparada da historia de Galicia ten que marchar fóra para atopar traballo?”, expuxo o socialista en relación á referencia da lei que avoga por captar inmigrantes do exterior cando “na Galicia real os mozos e mozas, despois de dedicar anos a súa formación con apoio público e esforzo persoal e familiar, teñen que facer as maletas para atopar traballo”.
Ademais, Arangüena sinalou a “ausencia de novidades de interese no capítulo europeo” e lembrou que a Fundación Galicia Europa, que ten como finalidade promover a acción exterior de Galicia na UE, “viu reducido o seu orzamento aproximadamente en 50% na última década, coincidido cos gobernos do señor Feijóo”.
Finalmente, o responsable socialista criticou a “dispersión” na dirección da acción exterior que se atopa dividida entre a Secretaría Xeral de Emigración, dependente de Presidencia, e a Dirección Xeral de Acción Exterior, dependente de Vicepresidencia, o que fai “moi difícil coordinar as políticas no eido exterior, ademais de tratarse dunha anomalía” con respecto a outras comunidades autónomas.