Denuncia que as eivas “obstaculizan o bo funcionamento da xustiza” e insta á Xunta a elaborar un novo plan que lles dea solución
O vicevoceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, denunciou hoxe “as moitas carencias” que presentan as infraestruturas xudiciais ao longo de todo o territorio galego e que “obstaculizan o bo funcionamento da administración de xustiza en Galicia”.
O deputado socialista considera que as numerosas eivas detectadas e ás que non se lles está a poñer solución “cales son as prioridades” da Xunta en materia de xustiza. A maiores, cualificou de “auténtico desleixo” que moitas das actuacións e necesidades contempladas no Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010-2015 “aínda non estean acabadas e outras nin iniciadas” seis anos despois do remate do seu período de vixencia.
Pablo Arangüena debullou esta situación con numerosos exemplos, entre os que salientou a Cidade da Xustiza de Vigo. “Que unha cidade como Vigo estea aínda nesta situación é absolutamente lamentable”, afirmou, “e seguramente non é casual que, unha vez máis, o sectarismo co que actúa o PP os leve a deixar para o último lugar aqueles lugares onde non goberna”.
Do mesmo xeito, salientou a situación do novo xulgado de A Parda, en Pontevedra, así como a situación de “moitas cidades e vilas ao longo do noso territorio, onde as carencias persisten e as obras prometidas non están aínda nin iniciadas”. Nesta liña, Pablo Arangüena preguntou “que pasou cos novos edificios xudiciais de Padrón, Ferrol, Sarria, Vilagarcía ou Cambados?” Todas estas infraestruturas estaban previstas no Plan 2010-2015 e aínda se está a agardar por elas.
A maiores, mencionou carencias nos xulgados mixtos que entraban dentro de obras menores e que produciron “un prexuízo para o conxunto de vilas medias”. Desta maneira, alertou de que se negou “a mellora de calidade en contornos periurbanos ou rurais, dificultando así a equidade na prestación de servizos esenciais da poboación que vive no rural con respecto á poboación que vive nas zonas urbanas”.
Por outra banda, Pablo Arangüena tamén lamentou a “redución progresiva” que sufriu nos últimos anos a partida do orzamento da Xunta para investimentos en infraestruturas xudiciais. Así, lembrou que en 2020 contemplaba unha cantidade de máis de 15 millóns de euros, en 2021 baixou a pouco máis de 10,5 millóns ata chegar aos 8,5 que se recollen nas contas da Xunta para o vindeiro ano.
O parlamentario do PSdeG sinalou que todas estas circunstancias provocan situacións que “dificultan aos axentes xudiciais poder levar a cabo o seu traballo” e xeran unhas condicións laborais desaconsellables en relación a aspectos como o “reducidísimo” espazo para traballar, “cheo de expedientes ou sen ventilación”.
Tamén afectan, dixo, ao dereito a unha atención xudicial digna para os usuarios, “con salas de espera compartidas, mobiliario deteriorado, sen aseos ou sen calefacción”. Ademais, “son moitos os xulgados nos que non existe un espazo diferenciado que ofreza á vítima esa privacidade tan necesaria en momentos tan duros”.
Neste contexto, Pablo Arangüena instou á Xunta a elaborar un novo Plan para a mellora das deficiencias aínda existentes e unha adaptación as necesidades futuras, avanzando cara a oficina dixital.
Tamén solicitou que se melloren as condicións nas que se atopan moitas salas de agarda dos xulgados ou que se habiliten zonas específicas onde poidan agardar as persoas detidas, “tanto por seguridade como por respecto a súa dignidade”. Ao mesmo tempo, reclamou habilitar prazas de aparcamento para os efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que acoden ao xulgado a trasladar e custodiar a persoas detidas.