Cualifica ao goberno galego de “falsificadores e defraudadores verdes que por acción ou por omisión fan políticas tóxicas”
Sinala que hai case 50.000 pescadores menos dende que Feijoo chegou á Xunta por mor da contaminación dos ríos
O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, volveulle reclamar hoxe á Xunta de Galicia medidas e integrais para a rexeneración das rías e ríos galegos co obxectivo de acadar o seu completo saneamento. Fíxoo no transcurso dunha interpelación no pleno do Parlamento, na que tamén alertou do preocupante aumento da contaminación neste espazos por mor da “absoluta incompetencia” da Xunta nesta materia.
Así, na súa intervención, Pablo Arangüena explicou que 22 anos despois da entrada en vigor da directiva marco de augas -que lle permitiu recibiu inxentes cantidades de fondos europeos para saneamento- en Galicia “a contaminación non vai a menos senón que aumenta”. Culpou desta situación a “un goberno de falsificadores e defraudadores verdes que, por acción ou por omisión, fan políticas tóxicas”. De maneira específica descargou a responsabilidade sobre “unha conselleira de ecopostureo cuxo único interese polo medio ambiente á facerse unha foto de vez en cando e saír dicindo que Galicia é verde e que Galicia é moi bonita”.
O deputado socialista tamén exemplificou esa “falsificación verde” nas mentiras do presidente da Xunta no Parlamento tras dicir o ano pasado que a ría de Vigo estaba saneada e a de Arousa practicamente saneada. “Os propios datos da Xunta”, remarcou, “desmentían a Feijoo, porque na ría de Vigo había 209 puntos de vertido -dos cales 23 eran puntos negros- e na de Arousa había 444 puntos de vertido -dos cales 56 eran puntos negros”.
Nesta liña, sinalou que “non é que o presidente da Xunta teña un problema de disonancia cognitiva, senón que minte coa mesma naturalidade coa que respira”. Por iso, incidiu en que “as patrañas que veñen contarnos aquí non son máis que trolas e propaganda que quedan desmentidas pola realidade”. Trátase, dixo, da “Galicia da felicidade oficial fronte á Galicia real dos problemas”. “E o problema da contaminación das nosas rías”, advertiu Arangüena, “non é unicamente un problema medioambiental, senón tamén un problema económico e social”.
Neste escenario, tras lembrar o goberno galego ten competencias plenas para a loita contra a contaminación, acusou á Xunta de “non estar á altura nunha materia que debería ser prioritaria para Galicia”. “Estamos a falar dun asunto altamente estratéxico, tanto dende o punto de vista económico como medioambiental e turístico”, advertiu.
Neste senso, Arangüena indicou que “talvez o máximo exemplo da súa incompetencia sexa a rexeneración da ría da Coruña, unha demanda que leva enriba da mesa 20 anos”. Tras recordar que “a Xunta de Feijóo e o goberno de Rajoy non fixeron nada en dez anos”, tamén salientou que finalmente “tivo que ser un goberno progresista o que desenvolva unhas actuacións orzamentadas en 32 millóns de euros, para as que a Xunta non achega nin un só céntimo”.
Máis alá deste exemplo, Pablo Arangüena lembrou que “temos un problema de contaminación importante nas rías e ríos de Galicia”. Canto as rías, lembrou que “hoxe temos 14 zonas marisqueiras clasificadas como C e nas que, a causa da contaminación, non se permite a extracción de marisco sen pasar por un proceso prolongado de depuración”. E iso “sen contar que hai outras 98 zonas nas que tamén hai que depurar o marisco, aínda que sexa de xeito menos intenso”.
Citou tamén a situación da praia de Testal, en Noia, “un dos bancos marisqueiros máis importantes de Galicia no que non se permite o baño desde hai 6 anos porque está tan contaminado que implica un risco para a saúde”. Neste caso lamentou que, “ademais de falsificadores e defraudadores verdes, son vostedes obxectivamente incompetentes porque levan máis de seis anos sen ser capaces de solucionar este grave problema nunha zona de Rede Natura e en pleno corazón marisqueiro de Galicia”. “Unha auténtica vergoña”, zanxou.
Ao mesmo tempo denunciou a “obscena vulneración” da lexislación de transparencia por parte da Xunta de Galicia. “Recoñecen vostedes 270 puntos negros de vertido nas rías de Galicia”, subliñou, “pero os seus datos non están publicados en ningún sitio e parecen ser un auténtico segredo de estado”. Con todo, remarcou que tan só coas cifras que admite a Xunta -aínda sen estar contrastadas de maneira independente- evidénciase que a contaminación medra en Galicia, “porque hai un 27 por cento máis de puntos de vertido que en 2015 e un 10 por cento máis de puntos negros no último ano”.
A SITUACIÓN DOS RÍOS
Na mesma liña, Pablo Arangüena puxo en evidencia, con numerosos exemplos, a crecente contaminación nos ríos galegos: lembrou por exemplo a situacións do río Furelos, en Melide, que sufriu máis de 20 grades vertidos nos últimos 17 anos. O último, en 2019, matou 10.000 troitas. Aquí, “a Conselleira de Medio Ambiente non fixo absolutamente nada nin como conselleira nin antes como alcaldesa para evitar máis de 15 anos de contaminación reiterada nun ecosistema que forma parte da Rede Natura”.
Situacións semellantes repetíronse de maneira habitual nos últimos anos noutros puntos de Galicia con vertidos ao aos ríos Deza e Asneiro, no río Xuvia ou no río Tambre. Pablo Arangüena explicou que estes son “só uns poucos exemplos dunha situación de constante deterioro medioambiental dos ecosistemas fluviais, que derivou no abandono da pesca fluvial por parte da maioría dos seus practicantes”.
Como demostración deste feito, constatou que, desde que Feijoo chegou á presidencia da Xunta, o número de licencias de pesca reduciuse dende as 85.000 que había en 2009 ás 37.000 da actualidade. “Case 50.000 pescadores menos dende que Feijoo chegou á Xunta en 2009”, enfatizou, “porque a contaminación liquida os nosos ríos e cando vostedes din que están rematando coa contaminación, co único co que están rematando é coa verdade”.