O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, sinalou que a decisión do PP de rexeitar unha Comisión de Investigación sobre o baleirado dos encoros ata o 20 por cento neste verán “demostra a súa completa adicción á pornografía política”. Así o dixo durante o debate, no Pleno do Parlamento de hoxe, dunha proposta para crear o dito órgano, que foi apoiado polos socialistas pero que non saíu adiante polo rexeitamento do PP.
Arangüena cualificou de “obscenidade política” por parte do PP ao rexeitar este órgano “despois do caudal de fake news, mentiras e acusacións irresponsables e impropias dun goberno serio que leva proferido a Xunta neste tema”. Criticou o “cinismo insoportable” do presidente da Xunta ao vetar a investigación logo de “afirmacións tan contundentes e altisonantes” como as que ten emitido dende o pasado verán.
Arangüena amosou a imaxe da aperta de Feijóo co presidente de Iberdrola logo das eleccións de 2009, que cualificou de “fermosa amizade” e preguntou se “terá algo que ver coa súa inacción nos encoros” e que leven 110 días sen comunicarlle a Iberdrola as medidas que debe adoptar. Replicou así ás acusacións de “conivencia coas eléctricas” por parte da Confederación Hidrográfica, xustamente cando o Estado aplicaba medidas contra o sobrecuste da enerxía coas que segundo a dereita “funde ás eléctricas”.
Advertiu que “se non actúan, prevarican por omisión”, logo de que o presidente da Xunta cualificara o baleirado como “feitos de enorme transcendencia ecolóxica”, e logo de sinalar que Galicia dispón de “amplas competencias medioambientais” e de ata 3 leis para evitar estes feitos. Explicou que a Xunta tardou 70 días en abrir expedientes sancionadores por incumprir a Lei de Pesca Fluvial por importe máximo de 25.000 euros, pero “ata hoxe non actuaron”.
Lembra que o goberno galego aínda non estableceu as medidas que deben adoptar Iberdrola e Naturgy, as concesionarias dos encoros, de acordo tanto do Regulamento de Pesca Fluvial como polas leis de Patrimonio Natural e de Protección Ambiental de Galicia. O responsable socialista cualificou de “auténtica tomadura de pelo” as medidas anunciadas pola Xunta, que este mesmo ano rebaixou nun 95 por cento as sancións legais para o baleirado de encoros.
Criticou que a conselleira de Medio Ambiente lembrara que dispón dunha Lei de Patrimonio Natural que permite sancións de ata 2 millóns de euros, “pero sanciona por 25.000 euros”, e esixiulle que “se pode sancionar por 2 millóns de euros non o diga: sancione”.
Normativa
Pablo Arangüena explicou que a capacidade de actuación da Xunta deriva do Decreto 130/97, que aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial, que no seu artigo 83 regula a actuación precisamente no caso do “esgotamento de masas de auga”. A Lei de Pesca de Galicia, pola súa banda, sinala no artigo 73.1 que a alteración dos caudais é unha infracción grave, e a Lei de Protección Ambiental habilita a toma de medidas cautelares, incluíndo a suspensión da actividade (art. 29).
Lamentou que o goberno galego non se teña dado por informado cando a propia Iberdrola informou do baleirado dos encoros o 10 de xuño e o 12 de xullo en Cenza e Portas, respectivamente, así como fixo a Confederación Hidrográfica ao trasladar a información ao 112 “que depende do señor Rueda”. Sinalou que “tampouco lles vale a comunicación que efectúa semanalmente a Confederación do nivel de cada un dos encoros a Augas de Galicia”.
Apuntou que “o caso é que nin sequera son necesarias esas comunicacións”, que “non son un requisito para que implementen as medidas establecidas no Regulamento de ordenación da pesca fluvial di que teñen que establecer e que a día de hoxe non estableceron, incriblemente”. Subliñou que a Xunta ten que tomar estas medidas e comunicárllelas ás concesionarias “de oficio, non dependendo de ningunha comunicación”.