O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, advertiu hoxe que os orzamentos da Xunta para Ferrol “amosan como a Xunta segue a desentenderse” da cidade. Así o dixo logo de coñecer as contas do goberno autonómico para o próximo ano, presentadas hoxe no Parlamento, nas que “non hai ningunha nova inversión da Xunta nunha cidade que precisa moito máis apoio”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de “obviar o estudo integral que reclaman os mariscadores para saber por que a produción marisqueira caeu a mínimos históricos”, ata que onde mariscaron máis de 600 persoas, hoxe só quedan 70 persoas traballando “dun xeito insuficiente para obter un mínimo de subsistencia”.
Alertou de que “a situación deteriorouse ata tal punto que os patróns das confrarías da ría calcularon en setembro o descenso da produción de ameixa nun 90 pro cento”, ata o punto de que “está en cuestión a propia superviviencia do marisqueo na ría”.
Esixiu o esforzo que merece unha cidade “que ten enormes problemas derivados da perda de tecido produtivo, cun casco vello de gran valor pero moi deteriorado que merece un compromiso inversor que vaia máis alá da propaganda a que nos ten afeitos o goberno de Feijóo”.
Sinalou que “o que venden como investimento en realidade é gasto de mantemento dos edificios da administración autonómica” e engadiu que “a este ritmo a rehabilitación do casco vello non se producirá ata o século XXII, a pesares dos esforzos propagandísticos da Xunta por publicitar o programa Rexurbe”.
Ademáis, declara Arangüena, hai que ter en conta que estes orzamentos, pola situación extraordinaria derivada da pandemia, son expansivos e medran para toda Galicia un 15%, o cal non se reflicte nun incremento do investimento na cidade.